Alume celebrou o seu 30 aniversario en Lugo nun acto guiado por Paco Nieto

A Asociación Lucense de Axuda a Enfermos Mentais (Alume) celebrou no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) o acto central polo seu 30º aniversario, nun evento conducido por Paco Nieto que contou cunha conferencia do psiquiatra Javier Quintero e coa actuación musical de Tradescola.
A entidade cumpre así tres décadas de labor centrado en fomentar a autonomía persoal das persoas usuarias, reforzar a adherencia aos tratamentos e promover o coñecemento das enfermidades mentais, así como o adestramento das habilidades cognitivas e sociais. Todas as súas actividades teñen un enfoque rehabilitador e buscan orientar, acompañar e apoiar ás persoas con trastorno mental no desenvolvemento da súa vida diaria.
A Deputación de Lugo expresou o seu apoio e recoñecemento ao traballo que Alume vén realizando desde a súa creación, un labor que cualificou de “fundamental no eido da saúde mental e da inclusión social”. O deputado Rivera Capón destacou a colaboración constante da institución provincial coa asociación, “contribuíndo ao desenvolvemento das súas iniciativas e programas orientados á mellora da calidade de vida das persoas con enfermidade mental e das súas familias”. Tamén reafirmou “o compromiso coa saúde mental e co apoio aos colectivos sociais que, como Alume, traballan por unha sociedade máis xusta, inclusiva e solidaria”.
Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou na conmemoración, na que gabou “o gran labor realizado durante todo este tempo promovendo a recuperación e inclusión sociolaboral das persoas con problemas de saúde mental, mellorando a calidade de vida non só dos usuarios senón tamén das súas familias”. Arias destacou ademais o compromiso da Xunta por seguir ampliando servizos nas instalacións que cederá á entidade na cidade.
Nese sentido, lembrou que o futuro centro de atención integral á saúde mental suporá “un paso máis” na colaboración coa asociación e “un salto cualitativo” na prestación de servizos sociosanitarios en Lugo. A Consellería de Política Social e Igualdade investirá 3,6 millóns de euros na reforma integral do antigo edificio de Aspnais na rampla de Claudio López para adaptalo a este novo uso.