Alume Saúde Mental celebra o 30 aniversario cun acto no MIHL o 9 de outubro

A Asociación Alume Saúde Mental de Lugo conmemora o seu 30 aniversario cun evento especial que se celebrará o vindeiro 9 de outubro no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), a partir das 19.00 horas. A entrada será gratuíta e libre ata completar aforo.
O acto contará coa presentación do xornalista Paco Nieto e incluirá unha conferencia a cargo do doutor Javier Quintero baixo o título “Otra salud mental es posible”. Quintero é profesor titular de Psiquiatría na Universidade Complutense de Madrid e xefe do Servizo de Psiquiatría, Saúde Mental e Adiccións no Hospital Universitario Infanta Leonor da capital madrileña.
No marco desta celebración tamén se fará entrega do premio ao socio de honra e a música terá un papel destacado coa actuación da Tradescola, que porá o broche cultural a unha xornada que busca visibilizar e poñer en valor o traballo desenvolvido pola entidade ao longo de tres décadas.