Alumnado de Castroverde e Lugo participa no programa de difusión da Galiña de Mos
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Rural, Mar e Mocidade, financia o programa A galiña vai a escola, da Asociación de Avicultores de Raza Galiña de Mos, AVIMOS, do que recentemente se despediu o estudantado do CEIP de Castroverde e os alumnos e alumnas o cuarto ciclo de infantil do CEIP Menéndez Pelayo de Lugo.
Este programa dá apoio á difusión da raza Galiña de Mos a través de charlas divulgativas sobre a raza e observando, na propia aula, o ciclo de incubación de nacemento dos polos. Deste xeito, nun proceso duns 22 días, os máis pequenos observan como os ovos rematan converténdose en polos, achegando así ao estudantado as bondades do rural e da avicultura artesá.
AVIMOS percorre con este programa nove centros escolares da provincia. Ademais de Castroverde e Lugo o estudantado dos CEIP Terra Chá e CEIP Monseivane, de Vilalba; CEIP Ramón Falcón, de Castro de Rei; e o CEIP de Muimenta, en Cospeito, xa coñeceron este proceso. Esta semana as incubadoras chegaron ao CEIP de Becerreá, de Seoane do Courel, en Folgoso, e de Parga, en Guitiriz.
Este programa, que conta con dúas visitas a cada centro para que os máis pequenos entendan como é a evolución do ovo, dá continuidade ao traballo iniciado co programa Da Escola á Granxa, coa que se achega o sector primario ao estudantado desde unha nova perspectiva e coñecendo a importancia que ten na actividade económica, pero tamén na produción de alimentos de calidade e na fixación de poboación.