Alumnado do IES Muralla Romana visita o CEI-Nodus
Vinte estudantes da materia de Iniciativa Emprendedora do IES Muralla Romana, entre os que se atopaban dous alumnos do ciclo de Administración de sistemas informáticos en rede e dezaoito de Asesoría de imaxe persoal e corporativa, visitaron as instalacións do CEI-Nodus. O obxectivo da visita foi descubrir as oportunidades de emprendemento e o apoio que este espazo ofrece a novos proxectos empresariais.
Mauricio Repetto, concelleiro de Dinamización Económica, destacou a relevancia de “facer visible o potencial das iniciativas impulsadas polo Goberno local que ofrecen ferramentas de desenvolvemento profesional a aqueles que están a formarse”. Subliñou que o CEI-Nodus é "un recurso fundamental para reter o talento na cidade e fomentar iniciativas innovadoras que poidan xerar valor e emprego local".
Durante o percorrido, o alumnado puido coñecer as áreas do CEI-Nodus e comprender como o viveiro de empresas facilita o desenvolvemento de proxectos empresariais desde as súas primeiras fases ata a súa consolidación. Deste xeito visitaron todos os servizos asesoramento laboral e de emprego, o obradoiro Arquivalugo, o espazo do programa Europe Direct-Lugo, ás asociacións que levan a cabo a súa actividade desde o seo do Centro de Empresas e Innovación (Federación de Asociacións de Ámbito Social de Lugo (FADAS), Asociación de Xóvenes Empresarios (AJE), Asociación de Mulleres Empresarias (AELU), e a Asociación de Distribuidores de Hostalaría e Alimentación (ADIS Lugo)). Ademais, intercambiaron experiencias de primeira man con varios emprendedores que impulsan os seus proxectos desde este espazo, como ADATI, Festigaleiros, Glisando - Centro de Estudos Musicais, Ivobodyart ou a coach Paula Núñez. Cada un compartiu a súa experiencia, destacando o apoio recibido polo CEI-Nodus ao longo das diferentes fases dos seus negocios.
Con máis de vinte anos de traxectoria, o CEI-Nodus destaca como un referente no fomento de novas empresas en Lugo. Conta con 23 espazos para o desenvolvemento empresarial, ademais de talleres, laboratorios e áreas de coworking. O centro ten apoiado o crecemento de máis de 100 proxectos empresariais, cunha taxa de supervivencia superior ao 75%, contribuíndo á creación de emprego e ao impulso do talento local.