Alumnos da Fundación da Construción de Monforte visitan o Impulso Verde en Lugo
O edificio Impulso Verde recibiu onte, 15 de xullo, ao alumnado da Fundación Laboral da Construción de Monforte de Lemos, nunha visita na que puideron coñecer polo miúdo as especiais características deste inmoble e o resto de accións que están a ser desenvolvidas na contorna.
O Impulso Verde é a primeira construción de carácter público de Galicia levantada en madeira local e é, ademais, o primeiro edificio en España e un dos poucos no mundo en obter a certificación de proxectos FSC, unha prestixiosa garantía que confirma que esta construción non contribúe á deforestación e aposta polo produto local. Deste xeito, este edificio pioneiro convírtese nun referente na loita contra o cambio climático, capaz de xerar con enerxías alternativas o seu propio consumo.
O interese que esperta este edificio no alumnado e profesorado dos diferentes ciclos formativos relacionados coa construción e o traballo en madeira débese ao innovador uso da madeira como elemento estrutural, así coma a súa aposta pola sostibilidade e o consumo enerxético case nulo, reducindo as emisións de CO2 á atmosfera nun 90% con respecto a construcións homólogas de formigón e aceiro.