Alumnos de Albeiros coñecen o Impulso Verde de Lugo
Máis de 40 alumnos de 2º e 4º de Primaria do colexio Albeiros visitaron o edificio Impulso Verde, dentro da súa actividade lectiva. Así, esta instalación municipal exercer un labor divulgativo antes de abrir as súas portas ao público.
O edificio é xa un referente de sostibilidade e dos novos modelos construtivos, algo que suscitou o interese do centro escolar e que enmarcou esta actividade ao abeiro do seu proxecto de innovación educativa, centrado no tema Imaxinando o futuro do noso barrio.
O Impulso Verde cumpre así coa súa función didáctica como expoñente do modelo de cidade que lidera o Concello de Lugo, dentro da transformación que está a impulsar para Lugo.
De maneira que, enmarcado na estratexia LIFE Lugo + Biodinámico, o inmoble está sendo clave na educación e na concienciación cidadá para avanzar na configuración de urbes máis fortalecidas ante o cambio climático.
Para esta tarefa, contará cunha parte expositiva na que se dará conta do que representa en todos os ámbitos da sostibilidade.
Un espazo no que tamén estarán presentes o resto de iniciativas activadas no marco deste programa europeo, moi valoradas no seu conxunto, tanto a nivel nacional como internacional, por tratarse de accións replicables a outras cidades de tamaño medio e polas súas capacidades para trasladar coñecemento.
Tal é a súa proxección que, de feito, nestes momentos o edificio ten xa unha axenda propia de visitas de colectivos profesionais, institutos, axencias, institucións, universidades e outras administracións, etc.