Alumnos de Antas de Ulla impulsan cun proxecto o Camiño de Santiago e o galego
O alumnado e o profesorado do CEIP Plurilingüe de Antas de Ulla fixo o seu propio Camiño de Santiago "terrorífico" con motivo do Samaín. Mentres escoitaron un conto espeluznante foron atopando seres terribles e pavorosos como a Santa Compaña e a procesión de ánimas das que se fala nas lendas galegas.
O centro vén de poñer en marcha un proxecto que vai traballar sobre o Camiño de Santiago e a lingua galega. Con este obxectivo crearon un tramo do Camiño de Santiago terrorífico entre Antas de Ulla e Palas de Rei que percorreron os nenos e nenas dos diferentes cursos con motivo do Samaín.
Ao longo do percorrido o alumnado pasou polo cruceiro de Lameiros, o albergue de Ligonde, por un cemiterio de peregrinos, un hospital de peregrinos ou unha igrexa do Camiño. No traxecto tamén atoparon coa Santa Compaña e as ánimas, que interpretaron os profesores do Colexio. Os nenos e nenas acudiron disfrazados de diferentes personaxes terroríficos que se poden atopar no Camiño.
Durante o traxecto, unha alocución vailles contando aos alumnos as particularidades do Camiño de Santiago e da Santa Compaña. O proxecto tamén pretende traballar a lingua galega a través de todo o percorrido con frases ao longo do tramo do Camiño nas que se pode ler, por exemplo 'Así chove no Camiño'. Tamén na alocución se fala de escritores galegos e persoeiros da cultura galega. Esta iniciativa pretende ter continuidade nas seguintes celebracións que faga o centro, sempre coa temática da lingua e o Camiño de Santiago como protagonistas.