Alumnos do Centro de Formación e Experimentación Agraria de Becerreá visitaron un campus de maquinaria agrícola
Unha ducia de alumnos do Centro de Formación e Experimentación Agraria de Becerreá, dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, visitaron un campus de maquinaria agrícola e outros puntos de interese na provincia de Segovia para ampliar os seus estudos complementarios do ciclo de Formación Profesional de técnico superior en xestión forestal e do medio natural.
Na súa estancia en Segovia, o grupo de alumnos realizou diversas actividades que permitiron complementar os seus estudos. Neste sentido, durante as dúas primeiras xornadas no campus de maquinaria agrícola aprenderon sobre as últimas innovacións no seu manexo aplicándoas ás tarefas de agricultura. Ademais, os estudantes trasladáronse durante a terceira xornada aos montes de Valsaín onde visitaron un aproveitamento madeireiro de Pinus Sylvestris, así como a unha parcela de uso gandeiro integrado coa masa forestal.
Esta visita tamén serviu para analizar a experiencia posta en marcha na zona sobre o control de cortas para a recuperación das poboacións de voitre negro e aguia imperial ibérica. Este día, os alumnos rematárono abordando a xestión do uso público de espazos protexidos para integralos de maneira sostible co uso recreativo da poboación.
Na última xornada da súa estadía en Segovia, os estudantes visitaron o museo da resina en Navas de Oro, onde coñeceron as distintas formas da súa extracción, así como a evolución das técnicas e do modelo de xestión das masas de resinación. Remataron o día na fábrica de Resinas de Navas de Oro, onde puideron ver o proceso de primeira transformación de resina para a destilación de colofonia e augarrás.