Alvarellos afea as declaracións de Candia mentres se perfila como sucesora de Méndez

LugoXa
A alcaldesa fará efectiva a súa dimisión no pleno que se celebrará este venres a primeira hora da mañá.
dimision lara mendez lugo
10 Jan 2024

A alcaldesa fará efectiva a súa dimisión no pleno que se celebrará este venres a primeira hora da mañá.

A portavoz municipal de grupo socialista, Paula Alvarellos, criticou con dureza a actitude adoptada por Elena Candia ante o relevo que se producirá na alcaldía do Concello de Lugo. “Candia non conseguiu desbloquear ningún dos asuntos prioritarios para Lugo en todos os anos que leva na Xunta. Tampouco o fixo na súa etapa á fronte da Deputación provincial. Pola súa parte, Méndez demostrou en todo momento unha entrega persoal e profesional ao seu cargo incuestionable e obxectivamente exemplar. Tanto é así que co seu esforzo logrou poñer a Lugo no mapa tanto a nivel nacional como internacional. A portavoz popular non está lexitimada para poñer en dúbida o traballo da alcaldesa porque o seu compromiso coa cidade é inexistente”, afirmou a edil.

Aínda que non hai confirmación oficial, Paula Alvarellos perfílase como a sucesora de Lara Méndez á fronte da Alcaldía da cidade. Miguel Fernández é outro dos nomes que soan para a sucesión, que non está aínda decidida. Alvarellos, que se incorporou ao goberno no 2019, ten a carteira de Urbanismo e nos últimos anos foi gañando presenza pública como voceira do grupo socialista e tamén como persoa de confianza de Méndez.

Este venres, a primeira hora da mañá, terá lugar un pleno extraordinario para facer oficial a dimisión de Lara Méndez. A partir de ese momento haberá dez días de prazo para o nombramento do seguinte rexedor ou rexedora municipal.

CRÍTICAS A CANDIA

Alvarellos considera que a voceira popular non está sabendo estar á altura das circunstancias ao optar por mentir deliberadamente co único obxectivo de desprestixiar a figura de Lara Méndez e a súa xestión á fronte do Concello en vez de amosar o respecto institucional que a ocasión require. “Acusar a Méndez de actuar en contra dos intereses de Lugo durante os seus nove anos de xestión é unha afirmación que non se sostén por se mesma. Candia está a demostrar unha falta total de escrúpulos coa súa forma de facer política. Tras a súa forma de proceder, populista e partidista, só escóndese unha ausencia total de proxecto e unha nula capacidade para asumir o seu papel á fronte da oposición”, sinalou a portavoz.

“Coas súas palabras só está a lograr desacreditarse a si mesma. É evidente que durante os mandatos de Méndez produciuse un gran avance na nosa cidade no plano social, económico, ambiental ou urbanístico. Esta gran xestión permítenos agora afrontar esta segunda gran transformación a nivel municipal coas máximas garantías. A única que vai contra o interese de Lugo desde a súa chegada á nosa cidade é a señora Candia coas súas continuas mentiras e habituais conspiracións. O único trampolín que existe aquí é o de Elena Candia e a súa ambición desmedida, pero as urnas premiaron o traballo de Méndez e castigaron o seu oportunismo”, apuntou Alvarellos.

“Durante estes anos a alcaldesa logrou arrincar compromisos para mellorar Lugo de todas as administracións excepto da Xunta, que sempre boicoteou os proxectos de Lugo para tentar evitar que o noso modelo poida ser exportable ao resto de Galicia. É realmente sonroxante comprobar como a portavoz popular utiliza o poder do seu partido na Xunta para boicotear a Lugo sen importarlle levarse por diante a imaxe de toda unha cidade. Méndez deu o paso de defender os intereses da nosa cidade e da nosa provincia desde outro ámbito e para iso renunciará a todos os seus cargos no Concello, pero estamos seguros de que Candia non será tan valente como Méndez e non renunciará a ningún dos seus cargos, porque en realidade Lugo e os e as lucenses non lle importan o máis mínimo. A súa motivación é unicamente persoal”, concluíu a portavoz dos socialistas.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.13911604881287