Alvarellos anuncia que eliminará tres tapóns urbanísticos na cidade

LugoXa
As actuacións levaranse a cabo na rúa Camiño de Pipín, rúa Mazaira con Juana la Loca, e avenida da Coruña.
camino pipin tapon urbanistico
25 Jan 2024

As actuacións levaranse a cabo na rúa Camiño de Pipín, rúa Mazaira con Juana la Loca, e avenida da Coruña.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, anunciou esta mañá que o Goberno local abordará a eliminación de tres tapóns urbanísticos na cidade ao longo deste 2024. Así, a rexedora e responsable de Urbanismo concretou o compromiso anunciado anteriormente e xa previsto nos Orzamentos para este exercicio. En concreto, as actuacións levaranse a cabo na rúa Camiño de Pipín, rúa Mazaira con Juana la Loca, e avenida da Coruña. “A erradicación destes puntos de descontinuidade na trama urbana supoñerán unha importante mellora da seguridade viaria e contribuirán a axilizar o tráfico rodado nas zonas de actuación. Así mesmo, achegaremos racionalidade ao trazado urbano mellorando o uso destes espazos públicos”, sinalou Alvarellos.

A primeira das actuacións programadas polo Executivo local executarase na rúa Camiño de Pipín, onde dúas edificacións rompen a continuidade do trazado viario. Neste punto, prevese eliminar estas dúas construcións axustándose ás aliñacións do PXOM, o que permitirá incrementar a seguridade dos peóns, mellorar a accesibilidade e dinamizar o fluxo de vehículos por este punto ao gañar moita visibilidade na zona de tránsito”, apuntou a alcaldesa. Pola súa banda, na confluencia da rúa Mazaira con Juana la Loca, levarase a cabo unha actuación encamiñada a eliminar o estreitamento que existe nesta vía de dobre sentido.

“A eliminación dos tapóns urbanísticos son procesos longos e complexos que poden acometerse por vías diferentes: expropiación, convenio ou permuta. Nestes dous casos concretos implican tres procedementos diferentes. Por unha banda, é necesario acometer unha expropiación, cuxo marco temporal depende do número de propietarios afectados e da súa localización para facer efectiva a notificación. Posteriormente, é necesario elaborar un proxecto de demolición e outro de urbanización, ambos cos seus tempos administrativos regrados en canto ao proceso de licitación e adxudicación se refire”, explicou Alvarellos.

“O obxectivo do Goberno local é eliminar progresivamente os tapóns urbanísticos e para iso comezamos polos de Camiño de Pipín e rúa Mazaira con Juana la Loca, cuxa abordaxe se contempla xa ben nos orzamentos deste ano, ben nas encomendas de Evislusa, que é quen se encargará dos proxectos de expropiación”, proseguiu a rexedora.

Ademais destas dúas actuacións, que seguirán o proceso habitual, a alcaldesa e responsable de Urbanismo ten canalizado un acordo para a eliminación dun terceiro tapón urbanístico na avenida da Coruña. Este proxecto abordarase a través dunha permuta que simplificará o proceso.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.21346306800842