Alvarellos destacou o compromiso do Concello de Lugo en colaborar coa Federación Galega de Piragüismo
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, recibiu ao presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, e ao delegado da federación en Lugo, Martín Carballo. Durante a reunión, Alvarellos destacou o compromiso do Concello de Lugo en colaborar estreitamente coa federación para seguir impulsando este deporte como unha seña de identidade lucense e galega.
A rexedora subliñou que “o piragüismo conecta de maneira única a nosa cidade co río Miño, fonte de vida e patrimonio natural de Lugo. Os nosos grandes palistas son tamén os primeiros en coidar o río, demostrando que o deporte e o respecto pola natureza van sempre da man".
Tamén incidiu en que “a colaboración coa Federación Galega é clave para apoiar as novas xeracións de piragüistas e fortalecer o papel de Lugo como referente neste deporte, que acumula 23 medallas olímpicas para España, das que 14 son galegas, incluíndo as históricas de Gregorio Ramos Misioné".
Ademais, Alvarellos puxo en valor o papel dos clubs locais, como o Fluvial de Lugo e o Cidade de Lugo, e o prestixio do Descenso Internacional do Miño, a segunda proba máis antiga de España. Por último, agradeceu o traballo da Federación Galega de Piragüismo na promoción desta disciplina, que conta en Galicia con máis de 10.100 licenzas federativas, demostrando o seu arraigamento social.