Alvarellos pedirá á Xunta que iguale o investimento no Cuartel de San Fernando

LugoXa
O Concello investiu 2,5 millóns de euros na adquisición do inmoble e preto de 150.000 euros en tarefas de conservación
reunion-plataforma-muro-lugo
16 Jan 2025

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, mantivo un encontro con representantes da Plataforma MVRO no que lles trasladou que o Goberno local, da man do tecido asociativo e a sociedade lucense, solicitará á Xunta que concrete unha dotación orzamentaria plurianual e formalice a súa intención de colaborar na consecución do obxectivo de converter o antigo cuartel de San Fernando no Museo da Romanización. “É a miña responsabilidade esixir para Lugo o que é de xustiza. Somos a única administración que investiu neste proxecto. O Concello cumpriu coa súa parte destinando 2,5 millóns de euros na adquisición do inmoble e preto de 150.000 euros en tarefas de conservación ao longo dos últimos 8 anos. Agora debe ser o Executivo galego o que financie a reforma da envolvente e da cuberta. Non hai tempo que perder”, apuntou a rexedora tras o encontro.

Durante o transcurso da reunión, Alvarellos Fondo explicou que a folla de ruta que guía o proceso de rehabilitación é a proposta Perseo, redactada por Pedro Colón de Carvajal e Raquel Buj, gañadores do concurso de ideas convocado pola Xunta no seu día e que ademais conta co informe favorable do Icomos. “A partir desta proposta, desde o Concello planificamos a execución dos traballos en catro fases, o que pedimos á Xunta é que asuma a primeira delas que afecta á envolvente e a cuberta e cuxo custo de execución coincide practicamente coa contía que o Concello destinou ata o momento ao proxecto. Isto situaríanos en disposición de acceder a outro tipo de liñas de financiamento que incluiría fondos municipais, como o 2% Cultural ou fondos europeos, cos que poderiamos abordar as fases relacionadas coa musealización do inmoble, xa que son liñas específicas para este fin”, sinalou.

Alvarellos lembrou que máis de 15.000 pezas de diversa cronoloxía alto imperial e baixo imperial recuperadas ao longo de 30 anos de escavacións atópanse neste momento gardadas en dependencias municipais e mesmo en domicilios particulares de arqueólogos no que considera unha neglixencia maiúscula por parte do executivo galego. “É necesario que a Xunta asuma as súas competencias. Mentres o goberno de Rueda destina á reforma do pazo pontevedrés de Lourizán 17,3 millóns de euros pretenden descargar nas e os lucenses a súa responsabilidade de protexer o noso patrimonio arqueolóxico nun agravio comparativo sen precedentes”, afirmou.

0.13059282302856