Alvarellos reúnese coa firma lucense Perusiñas para coñecer a súa expansión internacional
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acompañada do edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, mantivo un encontro cos xerentes da firma lucense Perusiñas, dedicada á produción e comercialización de galletas gourmet, elaboradas nun obrador no Centro de Empresas e Innovación do Concello, CEI-Nodus. O executivo municipal cedeu un dos locais dos que dispón este viveiro aos emprendedores Aitor Castro e Laura Castro en maio de 2022 e, dende entón, o proxecto non deixou de medrar.
Alvarellos felicitou aos responsables da empresa pola súa expansión internacional. “Tras acadar os 160 puntos de venta en España, principalmente en Galicia, León, Asturias e Madrid, e abrirse oco no mercado francés, onde as ‘Perusiñas’ son distribuídas por unha cadea de retail en todo o país galo, agora amplían as súas fronteiras co envío do seu primeiro pedido de galletas a Bélxica”, explicou a rexedora, quen destacou o éxito destes doces e puxo en valor o apoio brindado polo Concello apostando por este proxecto dende os seus inicios.
En concreto, o envío realizado ao país belga está composto por 1,5 millóns de galletas, o que supón 7 toneladas destes doces e unha facturación aproximada de 170.000 euros. “Unhas cifras que falan por si soas da relevancia deste proceso de internacionalización no que se atopa inmerso a firma”, apuntou Alvarellos.
Pola súa banda, Repetto salientou o respaldo do Concello a iniciativas coma Perusiñas “que xeran valor e riqueza na cidade e contribúen a situarnos no mapa nacional e internacional” e lembrou que “o viveiro de empresas do CEI-Nodus é unha clara mostra da aposta do goberno municipal polo fomento da innovación e a cultura emprendedora en Lugo”.
Finalmente, a rexedora subliñou “o compromiso pola sostibilidade da marca Perusiñas, que dende os seus inicios apostou polos produtos e materias primas de proximidade e pola embalaxe sen plásticos, empregando tarros de vidro que poden ser devoltos polos clientes no punto de venta para a súa reutilización, fomentando a retornabilidade do envase e evitando o seu desperdicio”. Uns valores de respecto ambiental e aposta polo local, que “compartimos dende o executivo municipal”, lembrou Alvarellos.