AMAL en Ruta Lugo proxecta 'To a Land Unknown' na súa cuarta xornada

A mostra de cinema AMAL en Ruta Lugo continúa esta tarde de martes, 10 de xuño, coa súa cuarta xornada e a proxección da película To a Land Unknown, unha obra dirixida polo cineasta palestino Mahdi Fleifel que narra a historia de Chatila e Reda, dous curmáns palestinos que sobreviven nos suburbios de Atenas coa esperanza de emigrar a Alemaña. A cita será ás 20:00 horas no Pazo Provincial de San Marcos da Deputación de Lugo.
A cinta mergúllase nas vidas destes dous mozos que, atrapados nunha realidade marcada pola precariedade e a falta de horizontes, tentan reunir cartos para conseguir pasaportes falsos e abandonar Grecia. Ante a desesperación, Chatila decide idear un plan extremo: facerse pasar por traficante de persoas e tomar reféns, na esperanza de escapar dunha vida sen saída antes de que sexa demasiado tarde.
Mahdi Fleifel, cineasta palestino afincado en Londres, propón con esta película unha reflexión intensa sobre os límites da supervivencia e o custo humano das migracións forzadas. AMAL en Ruta Lugo 2025 culminará o vindeiro martes, 17 de xuño, coa proxección da película The Old Oak.