Amaral será cabeza de cartel no Caudal Fest 2024

LugoXa
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciaba este xoves o que será un dos pratos fortes da vindeira edición do Caudal Fest, a cita musical por excelencia da cidade, a actuación do dúo zaragozano Amaral “unha das bandas españolas máis icónicas das últimas tres décadas, referentes do pop e o rock en castelán”.
amaral cabeza cartel caudal fest
16 Nov 2023

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciaba este xoves o que será un dos pratos fortes da vindeira edición do Caudal Fest, a cita musical por excelencia da cidade, a actuación do dúo zaragozano Amaral “unha das bandas españolas máis icónicas das últimas tres décadas, referentes do pop e o rock en castelán”.

Eva Amaral e Juan Aguirre son autores de éxitos como Sin ti no soy nada, Como hablar ou Días de verano que xa forman parte da cultura popular de todo o país, polo que, sen dúbida, os integrantes de Amaral farán corear ao público lucense un repertorio cheo de himnos durante a súa actuación no Caudal Fest 2024, o vindeiro mes de setembro, na que está destinada a ser a maior edición do evento ata a data.

Neste senso, Lara Méndez destacou que “dende que apostamos, en solitario, por poñer en marcha esta cita musical no 2018, o Caudal non deixou de crecer, tanto en volume de asistentes, infraestruturas, como na calidade do seu cartel, que este ano xa ten confirmados a algunhas das bandas e artistas máis importantes do panorama nacional”. “Ademais de consolidarse como a última gran festa do verán, o Caudal xa é un dos maiores festivais do norte de España e de toda Galicia”, engadiu.

Amaral únense, entre outros, a Mikel Izal, quen tras liderar IZAL, actuará en Caudal Fest 2024 sendo o único festival de Galicia no que actuará en 2024 e un dos poucos festivais que contará co vitoriano en todo o país. O seu tema “El paraíso” foi o rei indiscutible deste verán en radio e en redes sociais. Tamén estarán presentes Viva Suecia, unha das bandas imprescindibles de rock en castelán na última década, con éxitos como “El bien” ou “No aprendemos nada”.

Arde Bogotá, a banda do momento en todo o país que esgotaron todas as entradas da súa xira de presentación do seu último disco “Cowboys de la A3” tamén estará no Caudal Fest, sendo unha das poucas citas onde se lles poderá ver en Galicia en 2024.

Xunto a estes artistas, outros como Ginebras, Nil Moliner, Carlos Sadness, Varry Brava, Ladilla Rusa e moitos máis foron anunciados fai apenas tres semanas. En menos de 24 horas, o festival vendía máis do 60% dos abonos para a súa edición do vindeiro mes de setembro.

Caudal Fest 2024 contará de novo co apoio do Concello de Lugo como impulsor e dinamizador do festival, desde a súa primeira edición, e con Estrella Galicia, principal patrocinador privado do evento. Ao longo das vindeiras semanas seguiranse desvelando novidades desta edición, a sexta, que buscará ser a máis exitosa da historia do festival ata o de agora. En 2023, o evento reuniu a 37.567 persoas en Lugo, supoñendo un retorno económico de 7,3 millóns de euros para o municipio e xerando máis de 350 empregos directos e 2.000 indirectos.

amaral cabeza cartel caudal fest 2
0.18995904922485