Ameijide acusa a Tomé de trato desigual aos concellos no arranxo das vías
Antonio Ameijide esíxelle “responsabilidade” a Tomé e ao seu goberno na Deputación de Lugo en materia de conservación de estradas provinciais despois de comprobar o estado do pavimento da maioría das vías da súa titularidade no municipio do Corgo.
Recentemente, o voceiro acudiu á chamada do alcalde do Corgo, Felipe Labrada, e puido comprobar xunto á vicevoceira, Carmen José López, "o abandono das estradas da Deputación por parte do goberno provincial que contrasta coa implicación e boa xestión do goberno municipal en materia de infraestruturas viarias. O Concello do Corgo renovou o 80% das estradas da súa titularidade nun único mandato. E, delas, o 30% con aglomerado”.
As vías provinciais, pola contra, afirma que son obxecto habitual de queixas por parte dos veciños e veciñas debido aos “importantes baches existentes na LU-P-1603, que comunica Gomeán con Maceda ou na LU-P-1606 entre Adai e Queizán que é preciso ampliar. Tamén chama a atención o absolutamente desfeito que está o pavimento da LU-P-1610, unha vía estreita case intransitable que comunica Escoureda con Abragán, e por onde pasa a diario o transporte escolar".
Os populares reivindican tamén o ancheamento da estrada que vai dende Cabreiros a Arxemil, a LU-P-1605. Así mesmo, insisten na necesidade de mellorar o coñecido como cinturón comarcal poñendo como exemplo “o asfalto totalmente desgastado da LU-P-1611 ao seu paso por Adai”. E, a pesar de que se queixa de que o seu mal estado é xeneralizado, Ameijide subliña que “o estado do pavimento cambia no límite con Castroverde”. E esta situación repítese tamén no caso da LU-P-2904, que no termo municipal de Lugo presenta mellor estado evidenciando o trato desigual entre concellos dependendo de quen goberne”.
É por iso polo que Ameijide denuncia “o sectarismo” que rexe a este goberno provincial marcado polo “municipalismo de amiguetes de Tomé” que supón “o apoio aos concellos gobernados por alcaldes do PSOE ou do BNG e discriminación para os gobernados por alcaldes do PP”. É unha actuación similar á de Pedro Sánchez: “beneficiar ás comunidades gobernados por partidos que apoian a súa investidura en detrimento doutras gobernadas polo Partido Popular”.
Os deputados do Grupo Provincial Popular continúan preocupados polo mal estado que presentan moitas vías de titularidade da Deputación de Lugo; xa que “é unha das súas competencias propias, pero da que se desentende á vista do estado de moitas estradas ao longo da provincia”.
CORTE NO CINTURÓN COMARCAL
Recentemente o popular propoñía, en ton construtivo, un plan de inspección e mantemento das estradas da Deputación que inclúa a revisión anual do estado de puntos perigosos, pontes, obras de drenaxe transversal, pasos de canles fluviais ou terrapléns e desmontes co que se “podería evitar algún dos incidentes provocados polas intensas chuvias”.
Á vista do corte da estrada LU-P-1611, por seguridade, á altura de San Pedro de Cerceda polo afundimento da calzada sobre unha ponte, Ameijide agarda que “o goberno provincial estea a tomar medidas para reparar a vía e reabrila ao tráfico o antes posible e en condicións de seguridade”.