Ameijide esixe actuacións na escola de piragüismo
Antonio Ameijide esixe ao bigoberno da Deputación de Lugo “máis control, máis mantemento e máis apoio ao piragüismo lucense”. O portavoz do Grupo Provincial Popular, que continúa coa rolda de visitas ás instalacións da Deputación Provincial, neste caso, as vinculadas ao río, alerta do estado de “absoluto abandono” das instalacións da escola de piragüismo por parte do goberno que preside José Tomé. É por iso polo que insta ao goberno da Deputación de Lugo a mellorar as instalacións para mantelas en condicións de seguridade.
Ameijide urxe tamén a tramitar de novo o permiso ante a Confederación Hidrográfica do Miño Sil para repoñer o pantalán de acceso ás embarcacións na zona, xa que agora os usuarios só contan cun pantalán flotante de escasas dimensións que resulta moi incómodo, dificultando o día a día das clases de piragüismo e a actividade do Club de Piragüismo Cidade de Lugo: “calquera remeiro pode confirmar a incomodidade de acceder cos distintos tipos de embarcacións ao río, debido ao pequeno tamaño da actual plataforma”
“O antigo pantalán, que foi retirado fai anos pola perda do permiso, probablemente sexa o que está depositado nas instalacións do Parque Móbil Provincial”, explica o popular. “Agora entendemos por que o bigoberno da Deputación de Lugo non nos deixa visitar as instalacións provinciais: porque non queren que vexamos as vergoñas da institución desde que gobernan o PSOE e o BNG”, incide.
O voceiro popular sinala outras deficiencias: “As crecidas do río provocan que a propia estrutura de formigón que soportaba o pantalán estea socavada por debaixo”. Polo tanto, “é necesario facer unha inspección para saber se está en condicións de seguridade ou precisa algunha actuación de reforzo”.
VESTIARIOS PECHADOS POR PROBLEMAS DE HUMIDADES
Ameijide advirte tamén do “nefasto” estado de conservación do propio edificio “impropio dunha instalación pública. O exterior presenta desconchóns na pintura e no interior as humidades afectan aos vestiarios e, especialmente, a un deles que actualmente está pechado porque é insalubre”.
Os populares piden que “reforzar o seu mantemento e desenvolver actuacións de mellora deste inmoble para seguir potenciando un deporte que no seu día trouxo moitos éxitos e recoñecemento ao deporte lucense e que a día de hoxe se está deixando de lado dende a Deputación Provincial”.