Amigos da Feira de Castro de Rei organiza unha sesión de cine na rúa e a súa asemblea anual
Nova sesión de Cine na Rúa con Amigos da Feira este sábado, 14 de decembro, ás 22.00 horas no Teleclub de Castro de Rei. Proxectarase a película O Corno.
A sinopse sitúa a acción na Illa de Arousa en 1971. María é unha muller que se gaña a vida mariscando. Tamén é coñecida na illa por axudar a outras mulleres nos seus partos con especial dedicación e coidado. Despois dun inesperado suceso, vese obrigada a fuxir e comeza unha perigosa travesía que lle fará loitar pola súa supervivencia. Buscando a súa liberdade, María decide cruzar a fronteira por un dos roteiros de contrabando entre Galicia e Portugal.
ASEMBLEA ANUAL
A Asociación Amigos da Feira de Castro de Rei celebra este domingo, 14 de decembro, a súa asemblea anual, tal e como vén sucedendo todos os anos a finais de ano.
Durante esta reunión a directiva fará un balance do estado de contas e proxectos, así como dos plans previstos para o ano que comeza.
Dentro da orde do día figura tamén unha actualización da xunta directiva para finalizar cun tempo de rogos e preguntas. A reunión terá lugar ás 16.30 horas no Teleclub de Castro de Rei.
Por outra banda, o último domingo de feira de cada mes de 13:00 a 14:00 os membros da asociación están no local, situado no Campo da Feira de Castro de Rei, para o pago de cotas, a recollida de carnés e a realización de novas inscricións.
A cota anual para o 2024 mantense en 12 euros por persoa. O pago poderá efectuarse en efectivo no acto ou realizando unha transferencia ou ingreso á conta da Asociación Amigos da Feira na Caixa Rural Galega, sendo necesario presentar un comprobante desta transacción. Tamén teñen á venda lotería de Nadal.