Amigos do Patrimonio de Castroverde fará un roteiro o día 13

LugoXa
Os participantes no roteiro, que tivera que suspenderse en xaneiro pola pandemia, sairán ás 10.30 horas e percorrerán uns 9 quilómetros
castroverde roteiro
3 Mar 2021

A Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde recupera os seus habituais roteiros de sendeirismo, e faino coa organización dun percorrido polos arredores de Castroverde o vindeiro sábado 13 de marzo. O colectivo tiña previsto realizar ese mesmo roteiro o pasado mes de xaneiro, pero tivera que suspendelo por mor da pandemia.

Os participantes no roteiro sairán ás 10.30 horas da praza de Castroverde, para logo camiñar polo campo da feira, o camiño de Cubelas por debaixo da Veiga do Olmo, O Cabrito e Sartegos de Recesende, para logo emprender a volta polo Camiño Primitivo, por Penalonga, San Miguel do Camiño, Penas de San Lázaro e A Fortaleza.

O percorrido previsto ten unha distancia total duns 9 quilómetros e a dificultade é moderada, segundo os organizadores.

As persoas interesadas en participar neste roteiro deben comunicalo antes do mércores 10 de febreiro. Poden contactar coa asociación no teléfono 659 523 960 ou a través do correo electrónico amigospatrimoniodecastroverde@gmail.com.

Os organizadores lémbranlles aos asistentes a obrigatoriedade de cumprir con todas as medidas de seguridade fronte á covid. Debido á actual situación sanitaria, non se celebrará ademais o habitual xantar de confraternidade.

A Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, que preside Manuel Muñiz, actúa no termo municipal de Castroverde co obxectivo de promocionar e poñer en valor o seu patrimonio natural, etnográfico e cultural a través de diferentes rutas de sendeirismo.

0.18922901153564