Ampliado o convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Lugo para o servizo de comedor escolar

O Consello da Xunta aprobou a ampliación do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e o Concello de Lugo co obxectivo de reforzar o financiamento do servizo de comedor escolar na cidade. A modificación do acordo permitirá incorporar a este sistema o comedor da Escola de Educación Infantil Fingoi nº 2, recentemente posto en funcionamento grazas ao impulso do Goberno galego.
Esta nova addenda supón incrementar ata case 200.000 euros o orzamento destinado ao cofinanciamento deste servizo, que dará cobertura a un total de 1.028 usuarios repartidos en dez centros educativos da cidade da Muralla. Entre os beneficiarios atópanse os colexios CEIP Albeiros, CEIP Anexa, CEIP As Mercedes, CEIP Illa Verde, CEIP Menéndez Pelayo, CEIP Luis Pimentel, CEIP Rosalía de Castro, CEIP Sagrado Corazón e CEIP Paradai, aos que se suma agora a EEI Fingoi nº 2, onde actualmente fan uso do comedor 24 alumnos.
A Xunta de Galicia encárgase da xestión e mantemento da maior parte dos comedores escolares existentes na comunidade, un total de 432 centros nos que se presta servizo a máis de 64.100 usuarios. Ademais, a Administración autonómica mantén colaboración con 14 concellos para cofinanciar o funcionamento de 49 comedores escolares que atenden a máis de 5.200 estudantes.
Estes acordos formalízanse mediante convenios cos concellos de Ames, Barreiros, Betanzos, Cangas, Ferrol, Lugo, Meaño, Mugardos, Muíños, Oroso, Sada, Sarria, Santiago de Compostela e Vilalba. No conxunto destas colaboracións, a Xunta destina actualmente máis de 1,4 millóns de euros.
Por outra banda, a Consellería de Educación tamén ofrece apoio ás asociacións de nais e pais de alumnado que se encargan da xestión de comedores escolares a través dunha convocatoria anual de axudas. A isto súmase a colaboración con 14 entidades especializadas en atención á diversidade, que prestan servizo de comedor adaptado para estudantes con necesidades específicas escolarizados en centros especializados.