Amplían a vacinación da gripe e a covid ata o 31 de xaneiro
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou hoxe, durante a súa visita ao centro de saúde da Estrada, que a Xunta estenderá a campaña de vacinación fronte á gripe e a covid ata o 31 de xaneiro. O obxectivo é permitir que a poboación diana que aínda non se vacinou teña a oportunidade de facelo antes da chegada do pico de contaxios.
Tomando como base o labor de vixilancia epidemiolóxica realizado pola Consellería de Sanidade, o pico da gripe está previsto na semana do 20 ao 26 de xaneiro. Nestes momentos, o nivel da onda é baixo, con tendencia crecente, e a previsión é que continúe así durante a segunda e a terceira semana deste mes.
As persoas pertencentes aos grupos de risco poden solicitar autocita a través da aplicación Sergas Móbil, no apartado de campañas de promoción da saúde. Os horarios de vacinación nos 14 hospitais públicos están dispoñibles na web do Sergas.
Ata o momento, arredor de 779.000 persoas xa recibiron a vacina da gripe. A Consellería de Sanidade aspira a aumentar a cobertura na poboación de maior risco. No caso das persoas de 65 ou máis anos, arredor do 75 % xa se vacinou, sen diferenzas salientables por sexos.
Na franxa de 70 a 79 anos, un 73 % dos homes vacinouse da gripe e un 68 % das mulleres. En maiores de 80, a porcentaxe de cobertura é do 85,6 % entre os homes e do 79’5 % entre as mulleres.
Tamén poderán vacinarse ata o 31 de xaneiro o resto de grupos de risco. No caso de nenos e nenas de 6 a 59 meses, Galicia xa supera o 61 % de cobertura, rebasando obxectivo marcado para esta campaña.
No caso do persoal sanitario, aproximadamente un 50 % dos profesionais aínda non se vacinaron polo que a Xunta, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, fai un especial chamamento á protección deste colectivo.
En canto ás embarazadas, máis do 36 % vacinouse fronte á gripe. A vacina pode administrarse ata 6 meses despois do parto mentres dure a campaña. A Xunta lembra a súa importancia xa que a vacinación materna reduce as hospitalizacións e visitas a urxencias en bebés menores de 6 meses.
Por último, no que atinxe ás persoas con inmunodepresión ou patoloxías respiratorias, este ano incluíuse ao persoal que traballe con menores de 6 anos como persoas de risco, por estar especialmente exposto aos virus respiratorios.
No que atinxe á campaña de vacinación fronte a covid-19, na actualidade, o número total de persoas vacinadas é de 549.245. Así, a porcentaxe de poboación de 65 ou más anos vacinada supera o 63%.