Amplían o programa do Caudal Fest con sesións vermú nas Caldas e no Coliving

LugoXa
Pretemdem incrementar o aproveitamento destes dous equipamentos municipais e que o festival contribúa a dinamizar toda a contorna fluvial.
actuacion-concerto-festival-caudal-fest
9 Aug 2024

O Caudal Fest ampliará este ano a súa programación con dúas sesións vermú nas Caldas e no Coliving. Unha iniciativa coa que a rexedora pretende incrementar o aproveitamento destes dous equipamentos municipais e que o festival contribúa, así, a dinamizar o conxunto da contorna fluvial. “É o exemplo perfecto de como podemos rendibilizar ao máximo tanto esta cita musical como as dotacións públicas das que dispoñemos, ofrecendo  actuacións culturais de calidade que enriquezan a vida da veciñanza e atraian visitantes á cidade”, afirmou. Segundo a alcaldesa, estas sesións poñen de manifesto, igualmente, a versatilidade de ambas as dúas instalacións para albergar actividades e eventos multidisciplinares.

“Se ben a ubicación do Coliving Artístico Municipal e o espazo exterior co que conta ao seu arredor o configuran como un escenario fabuloso para celebrar espectáculos ao aire libre, achegando a música ao centro da cidade e axudando a revitalizar unha zona tan emblemática como a do Carme, as Caldas - moi próximas ao recinto do propio festival - nos ofrecen un recinto de relax marabilloso cuxa existencia queremos proxectar, tamén, como reclamo turístico”, abondou Paula Alvarellos.

“O obxectivo é divulgar a existencia de todos os recursos municipais e enchelos de vida aproveitando as datas do Caudal, ofertando unha programación lúdica de interese para a poboación pero tamén propiciando, á súa vez, a dinamización económica do municipio”, sinalou. Neste sentido, o tenente de alcaldesa de Dinamización Económica, Mauricio Repetto incidiu nas cualidades das dúas infraestruturas.

“Cremos que o Coliving será, moi pronto, un punto de nacemento de proxectos e un catalizador para a creatividade, a colaboración e o desenvolvemento profesional en áreas relacionadas con diversas disciplinas artísticas e a creación contemporánea, ao tempo que axudará a incentivar o lecer cultural e a rexenerar unha zona estratéxica da capital. E, en canto as Caldas do Miño, estas son xa un atractivo tanto para visitantes como lucenses debido á súa configuración moderna pero tamén accesible, polo que pode resultar moi produtivo diversificar o seu funcionamento”.

Antes de rematar, Repetto Morban avanzou que as e os artistas que protagonizarán as sesións vermú, que terán lugar o xoves 19 e o sábado 21 de setembro, se darán a coñecer proximamente. O Caudal Fest 2024, evento xa consolidado como a última gran festa do verán, terá lugar esa fin de semana. A edición deste ano contará con artistas de renome como Amaral, Mikel Izal, Viva Suecia, Arde Bogotá, entre outros.

 

Na convocatoria anterior, o Caudal Fest chegou a reunir a 37.567 persoas en Lugo, xerando un retorno económico de 7,3 millóns de euros para o municipio e creando máis de 350 empregos directos e 2.000 indirectos. Estas cifras reforzan a aposta do Gobermo local pola industria cultural como un elemento dinamizador da economía da cidade. Por iso, para o Executivo de Paula Alvarellos, estas sesións vermú son un claro exemplo de como se poden utilizar os recursos existentes para atraer a un público diverso e fomentar a produtividade na contorna.

0.1774628162384