Amplo seguimento en Lugo da manifestación contra os eólicos de Lugo

LugoXa
Arredor de 3.000 persoas, segundo a organización, participaron onte en Lugo na manifestación contra a depredación enerxética
manifestacion eolicos muralla lugo5
22 Maio 2023

Arredor de 3.000 persoas, segundo a organización, participaron onte en Lugo na manifestación O pobo galego unido contra a depredación enerxética, convocada pola coordenadora local Un Vento Vén.

Nun ambiente marcadamente festivo e reivindicativo, e secundada por máis dun cento de colectivos e organizacións sociais de toda Galiza, a mobilización partiu dende a Torre da Mosquera, onde minutos antes da saída procedeuse á apertura dende a Muralla dunha pancarta de 5m. de alto co lema Non á invasión eólica, enmarcada entre dúas bengalas verde e azul, en alusión aos polígonos industriais eólicos proxectados na terra e no mar.

Eólicos xigantes, e multitude de expresións artísticas vencelladas á denuncia da destrucción medioambiental e impactos sociais provocados polo actual plan de desenvolvemento eólico, consignas como non, non, non, macroeólicos non ou máis veciños e menos muíños, alternáronse con cantigas contra a depredación enerxética, algunhas elaboradas expresamente para esta convocatoria, como Sermos un Xigante.

Ao seu paso polo Concello, tivo lugar o terceiro acto de Santa Campaña, logo da apertura da mesma a través da aparición á Conselleira de Medioambiente, Ánxeles Vázquez, o pasado venres 19 nun mitin en Mesía, e a segunda aparición nun mitin do BNG, tamén en Mesía.

Apelando ás súas competencias como administración local, voceiras da manifestación instaron á futura corporación municipal a actuar para paralizar o polígono Picato a través da activación do Artigo 39.5 da Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, en virtude do cal cando unha Administración Pública teña que ditar, no ámbito das súas competencias, un acto que necesariamente teña por base outro ditado por unha Administración Pública distinta e aquela entenda que é ilegal, poderá requirir a esta previamente para que anule ou revise, e, de rexeitar o requirimento, poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo. Nestes casos, quedará suspendido o procedemento para ditar resolución.

“Sabemos que na última Xunta do Goberno local de Lugo, de hai tres días, dáse licenza urbanística para construír o polígono eólico no Monte Picato, e por iso demandamos ás candidatas e candidatos municipais que a revoguen e activen esta Lei para paralizalo, e queremos saber se as candidatas que se postulan ás alcaldías de todos os concellos afectados polas poligonais no territorio galego están dispostas a iniciar este procedemento una vez estean nos gobernos locais.”

Ao chegar á Subdelegación do Goberno foron enumerados e apupados os polígonos eólicos mariños e os últimos 6 proxectos aprobados polo Estado.

O acto final contou cas actuacións de As Filofóbicas; Pepa Yáñez; o colectivo CirQuak, que simbolizou cun número circense a forza que se desprende da unidade do pobo, e cantigas antiéolicas dinamizadas con acordeón e guitarra, pechando ca interpretación de “Un Vento Vén” a cargo do Leo de Matamá.

Hoxe en Lugo voltou ser patente a crecente oposición social, tanto nas áreas rurais como urbanas, á proliferación masiva de polígonos industriais eólicos imposta pola Xunta de Galicia e o Goberno do Estado ao rebufo dos intereses do oligopolio enerxético.

A produción de enerxía renovable ten que levarse a cabo dun xeito racional e ordenado, e non a base de modificar a lexislación para dificultar a participación social e acelerar o desenvolvemento de polígonos industriais eólicos sen ter en conta os seus impactos medioambientais e humanos, como está a acontecer arestora.

Estes polígonos afectan directamente ás augas, á paisaxe, a unha cuestión esencial para a nosa supervivencia como é a produción de alimentos, así como á flora e á fauna protexida, prexudicando directamente a calidade de vida da veciñanza, que de executarse estes proxectos verían relegadas as aldeas nas que habitan á condición de “parcelas” dun polígono industrial.

Esta invasión de proxectos resposta unicamente a obxectivos lucrativos para as empresas, convertendo a electricidade noutra burbulla especulativa máis. De feito, grande parte da enerxía producida a base da súa concentración en áreas de sacrificio, como o noso País, pérdese durante o seu traslado aos centros de consumo.

Por todos estes motivos pedimos paralizar de xeito inmediato o plan eólico vixente e os proxectos en trámite, e apostar por un modelo enerxético transparente, xusto, descentralizado e descarbonizado, que potencie a soberanía enerxética dos pobos, con redución do consumo e sustentado en redes de distribución local.

Logo da manifestación tivo lugar unha asamblea de colectivos de onde sairá a data e localización da vindeira manifestación.

0.086892127990723