Ana Corredoira será a candidata do PSOE á alcadía en Palas de Rei
Ana Corredoira será a candidata do Partido Socialista á Alcaldía de Palas de Rei. A militancia do municipio acordou nunha asemblea convocada pola Executiva Local que a gandeira e bióloga, dedicada á produción de leite ecolóxico á fronte da granxa A Cernada, lidere o proxecto do PSdeG neste concello de cara ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio.
O secretario xeral do Partido Socialista na provincia, José Tomé Roca, participou neste encontro da militancia de Palas, xunto coa secretaria de organización provincial, Pilar García Porto, e o secretario xeral da Agrupación Local e voceiro municipal socialista, Horacio Rouco.
José Tomé Roca subliñou que “a súa formación, traxectoria e proxección” fan de Ana Corredoira “unha candidata con capacidade gañadora para darlle a Palas de Rei o impulso que precisa”. Tomé destacou a “defensa e o compromiso co rural que vén demostrando dende hai moito tempo” a candidata, “aportando valor a un sector fundamental para Palas, A Ulloa e o conxunto da nosa provincia e o país como é a produción ecolóxica, na que ela mesma é hoxe un referente”.
En palabras do Secretario Xeral dos socialistas na provincia, “persoas como Ana Corredoira representan o mellor das nosas tradicións agrogandeiras, e a nosa capacidade para apostar polo futuro, pola innovación e por seguir as grandes liñas de traballo que marca a UE. Persoas como Ana traballan día a día, volcándose para impulsar un sector dende o respecto ó coidado do medio ambiente e ao benestar animal”.
O líder dos socialistas puxo en valor “o paso adiante” de Ana Corredoira e a capacidade do PSdeG “para captar talento”. Así mesmo, agradeceu “a dedicación e gran traballo que fixo Horacio Rouco en favor de Palas de Rei e para o dinamismo e crecemento do Partido Socialista”. Para José Tomé, o
relevo representa “a capacidade dos socialistas para renovar as nosas propostas mantendo o núcleo da nosa identidade de defensa dos servizos públicos, as políticas sociais e o compromiso co rural”.
Unha vez elixida no seo da asemblea da militancia, Ana Corredoira presentará nas vindeiras datas a súa candidatura aos veciños e veciñas de Palas de Rei, nun acto ó que acudirá o Secretario Xeral do Partido Socialista na provincia, José Tomé Roca.