Ana Pontón anima desde Palas de Rei a participar na manifestación do domingo contra Altri
A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo un chamamento a unha mobilización masiva na manifestación convocada para este domingo, día 15, en Santiago pola Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa co obxectivo de parar “a bomba ambiental de Altri que o PP quere colocar no corazón de Galicia”.
Para conseguilo, Pontón considerou “fundamental” encher as rúas cunha “marea de dignidade” que diga alto e claro que non se pode permitir a instalación dunha “macrocelulosa contaminante” que pon en risco o modo de vida dos galegos e das galegas, o territorio e o presente e futuro do País.
“Temos que saír a defender a dignidade de Galicia para dicir que nos importa máis a xente do rural, a xente do mar, que os intereses dunha multinacional que quere vir a contaminar o noso país”, afondou.
Nun acto desenvolvido no Castelo de Pambre de Palas de Rei xunto a alcaldes, responsables municipais e comarcais e deputados e deputadas do BNG, a portavoz nacional advertiu do risco que supón este megaproxecto contaminante para as comarcas afectadas, como a da Ulloa, cun “enorme potencial” no sector agrogandeiro, pero tamén no turístico.
“Todo isto está en risco porque vemos a un Partido Popular facendo de comercial de Altri e que quere poñer por diante dos intereses de Galiza os intereses dunha multinacional, colocando no corazón do rural unha celulosa que non queren en Portugal”, denunciou.
Pontón valora de "indignidade" entregarlle 250.000 euros públicos a Altri
Neste sentido, considerou a aposta do PP “un modelo do pasado” e cualificou como “unha auténtica indignidade” que o Executivo de Alfonso Rueda lle queira entregar 250 millóns de euros públicos a unha empresa portuguesa “para que veña a contaminar o País”.
“Quero pedirlle ao señor Rueda que deixe de facer de comercial de Altri e que poña por diante os intereses dos galegos e das galegas”, reclamou Pontón, quen, fronte a ese modelo do pasado do PP, confrontou o “modelo de futuro” que defende o BNG.
Un modelo de futuro que, neste caso, pasa polo desenvolvemento dun Plan Ulloa-Ulla-Arousa para revitalizar e impulsar o desenvolvemento económico das comarcas afectadas pola macrocelulosa, un plan financiado con cargo aos 250 millóns de fondos europeos que o PP quere dar a Altri.
“Hai que facer, xustamente o contrario”, afirmou, para pedir que eses 250 millóns sexan destinados a “apoiar a xente que está creando riqueza na comarca”, aos sectores produtivos, ás pequenas e medianas empresas e a poñer en marcha proxectos transformadores que fixen poboación e que o fagan dunha maneira sustentable, enumerou.
A líder nacionalista avogou tamén por recuperar e rexenerar tanto o río Ulla como a ría de Arousa e pola posta en marcha dun novo modelo forestal que aposte por un monte multifuncional e pola transformación da madeira e non, recalcou, “por seguir convertendo Galiza nun megaeucaliptal”.
“Temos sectores produtivos que son moi importantes e temos que apoiar a nosa riqueza no rural e, para iso, é clave que freemos ese megaproxecto contaminante que o Partido Popular quere impoñernos no corazón do noso país”, concluíu.