Ana Pontón destaca o San Froilán como símbolo dun Lugo acolledor e orgulloso da súa identidade

LugoXa
A líder do BNG eloxia o labor do grupo nacionalista no Concello e subliña a capacidade de transformación da cidade
Ana-Pontón-San-Froilán
10 Oct 2025

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou o San Froilán como símbolo dunha cidade aberta, diversa e comprometida coa defensa da cultura e da identidade galega. Durante a súa visita ás festas, Pontón puxo en valor o traballo político que a formación nacionalista está a desenvolver no Concello de Lugo, onde leva tempo impulsando o cambio urbano.

“Levamos tempo axudando á transformación de Lugo, sendo un motor que aposta por crear espazos urbanos de calidade, por defender a nosa cultura e por avanzar na modernización dos nosos espazos”, afirmou a portavoz, quen asegurou que o BNG está demostrando que a cidade “ten un proxecto de futuro que mellora a vida das persoas” e que confía “no que somos como galegos e galegas”.

Pontón sinalou a Lugo como “exemplo desa capacidade de transformación que temos desde o BNG” e recoñeceu o labor eficaz que se está a desenvolver “nunha cidade na que o nacionalismo demostra que ten proxecto e futuro”.

A líder nacionalista expresou tamén o seu cariño persoal polas festas, asegurando que para ela “é un gustazo poder estar un ano máis no San Froilán”, ao que acode non só como portavoz, senón como visitante habitual. “Todos os anos era un punto obrigado na miña vida familiar visitar o San Froilán, comer o polbo e gozar das atraccións”, lembrou.

Sobre a edición deste ano, destacou que se trata dunha festa que reflicte “como é Lugo: unha cidade acolledora, integradora e diversa”, que combina “o mellor da tradición galega coa modernidade”. Pontón felicitou o Concello e, en especial, á concelleira de Festas polo traballo desenvolvido para converter o San Froilán “nunha celebración que representa o mellor que somos e que está a ser un éxito para a cidade”.

⚙ Configurar cookies
0.072320938110352