Ana Pontón pide desde Castro Ribeiras de Lea que non secunden a escalada belicista de Israel e EEUU

A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou desde Castro de Rei tanto ao Goberno estatal como á Unión Europea que non secunden a escalada belicista iniciada por Israel e EEUU cos seus ataques “ilegais” a Irán e impidan a utilización das bases militares en territorio europeo.
A líder nacionalista mostrou a preocupación do BNG ante esta escalada que se está producindo neste momento no contexto internacional e que está impulsada fundamentalmente polo primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, e o presidente estadounidense, Donald Trump.
“Denunciamos ese ataque ilegal fóra do dereito internacional que acaban de cometer o Estado de Israel e neste momento tamén Estados Unidos, que supón non só un acto ilegal, senón tamén irresponsable, porque isto escala un conflito nun momento non que se poden repetir erros do pasado e que pode elevar a humanidade a unha situación moi perigosa”, advertiu.
Neste contexto tan preocupante, a líder nacionalista fixo un chamamento tanto ao goberno do Estado como ás institucións europeas para que “non secunden esta escalada belicista” e para que “se impida que se utilicen bases militares en territorio europeo para continuar estes ataques”.
A portavoz do BNG incidiu en que a resolución deste conflito debe volver “á senda do que nunca debeu saír” e que, recalcou, é a da “negociación, a diplomacia e o traballo pola paz”.
“Tanto o señor Trump como o señor Netanyahu son dous criminais de guerra aos que hai que pararlle os pés neste momento porque o que non queremos baixo ningunha circunstancia é que volvamos a ver outro Irak ou outro Afganistán”, alertou.
“Desde o BNG dicimos non no noso nome”, concluíu en declaracións aos medios, antes de intervir nun acto coa militancia no marco da axenda previa á celebración do Día da Patria e no que tamén participaron a portavoz municipal en Castro de Rei, Olga García, e o responsable comarcal de Galiza Nova, Adrián Rodríguez.