Ana Pontón reclamou a posta en marcha do Plan Ulloa-Ulla-Arousa

LugoXa
Propono co obxectivo para revitalizar e impulsar o desenvolvemento económico das comarcas afectadas por ALTRI
ana-ponton-2021
2 Nov 2024

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, reclamou a posta en marcha do Plan Ulloa-Ulla-Arousa, para revitalizar e impulsar o desenvolvemento económico das comarcas afectadas por ALTRI, un plan financiado con cargo aos 250 millóns de euros de fondos europeos que o Partido Popular quere dar á macrocelulosa.

Pontón explicou a inmensa riqueza dos produtos locais e de proximidade, nunha das comarcas agrogandeira e leiteira máis rica e produtiva de toda Galicia, como é a comarca de Arzúa-Ulloa. "Unha comarca que se encontra ameazada pola construcción dunha macrocelulosa que non só afectaría de forma negativa a esta comarca, senón que tamén ao Río Ulla que desemboca na Ría de Arousa, da que viven 4.000 familias", di.

A líder nacionalista considera de “disparate” que o goberno do PP queira darlle 250 millóns de euros a ALTRI “para arrasar co medio de vida da xente do rural, contaminando e destruíndo miles de empregos”. Pontón explicou que toda a consellería de Medio Rural ten un orzamento de 172 millóns de euros para apoiar ao sector agrogandeiro, á xente do rural que nos alimenta e coida o territorio, mais pola contra Rueda prefire regalarlle 250 millóns de euros a ALTRI. “Un disparate promovido por un presidente da Xunta que deber rectificar e deixar de facer de comercial de ALTRI para defender Galicia” salientou.

Neste sentido, Ana Pontón avanzou que desde o BNG estase a traballar polo rural e polo tanto, como medida a tomar de inmediato, avanzou que a formación nacionalista vai propor que “os orzamentos de 2025 recollan unha partida de 30 millóns de euros para apoiar a comarca de Arzúa-Ulloa e para blindar a súa actividade produtiva fronte a bomba ambiental de ALTRI”.

No medio prazo, a proposta do BNG pasa por implantar o Plan Ulloa-Ulla-Arousa, como un plan sostible e alternativo, para revitalizar e impulsar o desenvolvemento económico das comarcas con tres eixos de actuación.

O primeiro, apoiar os proxectos económicos de transformación no medio rural que teñan capacidade para innovar e instalar empresas produtivas no ámbito agrogandeiro, con liñas de axudas específicas para PEMES e cooperativas. Un segundo punto de actuación que pasa pola recuperación do río Ulla, que tamén contribuiría a sanear toda a ría de Arousa. E, finalmente, o terceiro eixo para a creación dun novo modelo forestal sostible cun monte multifuncional e que non se limite só á primeira transformación da madeira e que non pretende converter Galiza nun eucaliptal para macrocelulosas.

A líder nacionalista destacou a importancia da feira dos Santos de Monterroso, que reflexa a “inmensa riqueza do noso medio rural” e todo o seu potencial para xerar actividade económica, emprego, toda a súa capacidade para preservar o territorio e para aportar alimentos de calidade, “que é importantísimo”. “No BNG temos moi claro de que lado estamos: coa xente do rural” concluíu.

0.20103693008423