Ana Pontón reivindica o BNG como motor da transformación de Lugo

LugoXa
Destacou que a cidade experimentou unha “gran transformación en positivo” grazas a un proxecto “dinámico, innovador e moderno” que está a converter Lugo nun referente
Ana-Pontón-equipo-goberno-BNG-Lugo
17 Jun 2025

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou en Lugo o papel da formación nacionalista como “auténtico motor” do avance e da transformación da cidade, un impulso que atribuíu ao “proxecto claro de cidade” que defende o Bloque e que, segundo avanzou, seguirá desenvolvendo para acadar “un mellor Lugo, tanto no económico, como no social, como no cultural”.

Nunha comparecencia conxunta co tenente de alcalde e líder local do BNG, Rubén Arroxo, Pontón fixo balance da acción de goberno do Bloque no ecuador do mandato, asegurando que a cidade experimentou unha “gran transformación en positivo” grazas a un proxecto “dinámico, innovador e moderno” que está a converter Lugo nun referente en diversos ámbitos.

“É evidente que a acción de goberno do BNG ten impulsado o propio goberno da cidade e que demostramos que temos un modelo que funciona, que transforma en positivo e que pon as persoas no centro, mellorando as súas vidas”, afirmou Pontón.

A nacionalista puxo en valor a aposta do equipo de goberno liderado por Arroxo por un Lugo “máis humano e máis amable”, cunha recuperación do espazo público para a cidadanía, unha mobilidade máis sostible e unha actividade comercial máis diversa, seguindo o modelo das grandes cidades que priorizan espazos para as persoas.

Segundo Pontón, os seis anos de goberno municipal deixan unha “pegada importante e positiva” da acción do BNG, camiñando cara a un Lugo con maior cohesión social, cun papel central para os barrios e cun diálogo constante coa cidadanía.

A portavoz nacional tamén salientou o apoio decidido ao comercio de proximidade, á praza de abastos e á vida cultural da cidade, que, dixo, parte do orgullo da lingua e da cultura galegas e do seu diálogo enriquecedor con outras culturas.

Pontón quixo remarcar o compromiso do equipo do BNG coa cidade, destacando que “sempre está pensando en como pode mellorar Lugo” e que non existe “nin unha migalla de conformismo”. Referiuse aos concelleiros e concelleiras do Bloque como “persoas honestas e traballadoras, que levan a Lugo no seu corazón e traballan cada día polo ben común”, demostrando que “hai unha forma diferente de facer política”.

Unha actitude que, segundo Pontón, non só se dá en Lugo, senón que o BNG aplica en todo o país, coa intención de mellorar a vida da cidadanía galega e ofrecer “unha alternativa de futuro fronte ao desgoberno do Partido Popular”. “Demostramos que hai outra forma de facer política, unha política honesta e con maiúsculas, que pensa nas persoas e no ben común”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.18696784973145