Analizan a rúa Paulo Fabio Máximo para mellorar a seguridade viaria

O tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, mantiveron un encontro coa veciñanza da rúa Paulo Fabio Máximo co obxectivo de escoitar as súas demandas e explicar os proxectos máis inmediatos que está a desenvolver a área de Mobilidade e Infraestruturas.
Durante a reunión, Arroxo destacou a importancia dos servizos que xestiona esta área municipal, encargada de cuestións como o calmado do tráfico, “unha das principais reclamacións das veciñas e veciños de Lugo”, afirmou. O tenente alcalde lembrou que “nos últimos anos avanzamos enormemente nesta cuestión, incluíndo esta rúa, onde realizamos múltiples intervencións para mellorar a seguridade viaria”, engadindo que “seguimos traballando para continuar incrementando a seguridade nas zonas urbanas e periurbanas”.
Esta xuntanza enmárcase na liña de traballo da Tenencia de Alcaldía, orientada a coñecer de primeira man as necesidades e propostas do tecido asociativo da cidade. Arroxo explicou que o goberno local atenderá as suxestións e solicitudes da veciñanza da zona, asegurando que “traballamos para seguir mellorando a cidade”. O tenente alcalde concluíu afirmando que “desde o Goberno estudamos todas as propostas con atención, sempre co obxectivo de mellorar os espazos públicos de Lugo e facer deles lugares máis seguros e agradables para vivir”.