Analizan en Lugo os avances institucionais e xudiciais contra as violencias machistas

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presentou a xornada “As violencias machistas: avances no proceso xudicial. Valoracións forenses do Imelga e violencias sexuais”, un encontro previo ao 25 de novembro centrado en examinar a resposta institucional, xudicial e forense ante as diversas expresións da violencia contra as mulleres.
Na apertura do acto, López subliñou que a violencia machista “é unha cuestión de Estado, non un asunto privado nin un episodio illado, senón un desafío estrutural que afecta ao conxunto da sociedade”. Advertiu tamén do avance dos discursos negacionistas, que “están a gañar presenza entre a mocidade e buscan minimizar unha realidade que vemos e atendemos cada día”, polo que apelou á responsabilidade das administracións para contrarrestalos con “datos, verdade e rigor”.
A subdelegada recordou unha cita de Flora Tristán —“a liberdade non se implora, conquístase”— e evocou a obra da poeta Yolanda Castaño, quen defende que “a palabra pode ser un territorio de liberdade”.
Durante a súa intervención, destacou os datos máis recentes do sistema VioGén, que contabiliza 859 casos activos de violencia de xénero na provincia de Lugo, incluíndo 175 vítimas con máis dun agresor. Engadiu tamén a existencia de 45 dispositivos telemáticos COMETA en funcionamento e 50 usuarias do servizo ATEMPRO. No ámbito autonómico, Galicia rexistra 3.778 chamadas ao 016 no que vai de 2025, das cales 367 proceden da provincia lucense. Ademais, desde 2003, 74 mulleres foron asasinadas por violencia machista en Galicia, dez delas en Lugo. “Estes datos non son opinións, son feitos que desmenten calquera intento de invisibilización”, incidiu.
A xornada contou coa participación dun médico forense do Imelga en Lugo, profesional cunha traxectoria de arredor de dúas décadas en distintas áreas de Galicia e con experiencia en iniciativas de prevención sanitaria dirixidas a mulleres en contextos de prostitución.
Posteriormente interveu Sandra María Piñeiro Vilas, presidenta da Audiencia Provincial de Lugo e maxistrada con ampla experiencia no ámbito penal e na cooperación xudicial internacional. Licenciada en Dereito, diplomada en Criminoloxía e actualmente doutoranda, Piñeiro compaxina o seu labor xudicial coa docencia na UNED e cunha extensa traxectoria como relatora, formadora e autora de publicacións xurídicas. É, ademais, coordinadora en Galicia de Xuíces e Xuízas para a Democracia e integrante de Mulleres Xuízas de España.
López pechou o encontro agradecendo “o labor incansable dos equipos especializados, das unidades policiais, dos Centros de Información á Muller, da medicina forense e do persoal xudicial”, e afirmou que “a igualdade constrúese cada día e entre todas as persoas”. Concluíu que a xornada “axuda a sumar coñecemento, reflexión e determinación, elementos imprescindibles para avanzar cara unha sociedade máis libre, máis xusta e máis igualitaria”.