Analizan o futuro industrial sostible no Foro Económico organizado pola CEL e a Xunta

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O encontro reuniu expertos e empresas para debater sobre a transición ecolóxica e o potencial industrial da provincia
Conecta-Lugo-CEL
26 Nov 2025

Lugo converteuse no punto de encontro para a reflexión sobre o futuro económico da provincia coa celebración do Foro Económico Industrialización sostible, unha cita promovida pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e a Xunta de Galicia a través do Igape dentro da iniciativa Conecta Lugo, que reuniu a un amplo panel de especialistas e máis de oitenta asistentes.

A xornada contou coa intervención maxistral da divulgadora e investigadora Deborah García Bello, coñecida como Deborah Ciencia, coa intención de xerar ideas e propostas que permitan afrontar o reto da transición ecolóxica a través dunha industrialización sólida dos sectores con maior peso e proxección na economía lucense, como o agroalimentario.

O acto inaugural correu a cargo de Jaime López, secretario xeral da CEL, e de Fany Suárez Mansilla, subdirectora de Investimentos e Startups do Igape, quen coincidiron en destacar o papel de iniciativas como Conecta Lugo á hora de achegar información, orientación e recursos da Administración pública ás pequenas empresas e ao conxunto do territorio provincial. López subliñou os resultados acadados polo programa en 2025, que xa permitiu contactar con máis de 500 compañías da provincia e elaborar máis dun cento de informes individualizados de asesoramento, contribuíndo así a que moitas pemes accedan a axudas para innovación, competitividade e programas do Igape que previamente descoñecían.

No marco do debate sobre industrialización sostible, o secretario xeral da CEL reivindicou que “os empresarios estamos cansados do non polo non” e defendeu que Lugo debe aspirar a ser “algo máis ca unha provincia de paso e paseo”. Reclamou combater a desinformación que, ao seu xuízo, frea iniciativas industriais e apostou por vincular ciencia e actividade produtiva para impulsar proxectos necesarios “como Altri ou LuGaz”, advertindo de que, se non se avanza nesa liña, “teremos que expatriar aos nosos fillos porque non teñen futuro aquí”.

MESAS REDONDAS

A xornada incluíu dúas mesas redondas. A primeira, titulada Ciencia a favor do territorio, reuniu a un panel integrado exclusivamente por mulleres —nun día sinalado como o 25-N— co obxectivo de poñer en valor o papel feminino no ámbito científico e social. Participaron Inés Santé Riveira, profesora da USC e investigadora do Laboratorio do Territorio; Cintia Folgueira Cobos, investigadora do IDIS; Mª Ángeles Romero Rodríguez, catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos no Campus Terra; e Isabel Neira, coordinadora de Transferencia de ECOBAS. Todas coincidiron en destacar o potencial do sector agroalimentario lucense, sustentado nun produto local de alta calidade, así como as dificultades para trasladar ao tecido empresarial —especialmente ás pequenas empresas— os avances científicos, máis centradas na produción diaria que na innovación polos seus limitados recursos. Por iso, reclamaron “máis e mellor divulgación científica” e unha transferencia máis eficaz entre universidade, centros de investigación e empresas.

A segunda mesa, centrada en Lugo fronte ao reto industrial, contou coas intervencións de Manuel Ángel Pose Palleiro, presidente executivo do Grupo ALUMAN; Marcos Engroba Pulido, CMO de AMSlab; Carlota López Pardo, directora xeral do Grupo ARESA; e Isaac Rosón, responsable da Área de Innovación Empresarial do Igape. Nun enfoque marcadamente empresarial, os participantes defenderon a necesidade de perder o medo ao crecemento —“medrar non é unha opción, é unha obriga”, apuntou Pose—, así como de atraer e reter talento mediante proxectos con perspectivas de futuro, servizos adaptados e programas formativos. Tamén salientaron a importancia de impulsar máis colaboración entre empresas que, de maneira individual, xa están a obter resultados relevantes. Rosón sintetizou esta idea afirmando que “Lugo ten moito potencial e non o sabe”.

O Foro concluíu cunha intervención maxistral de Deborah García Bello, que instou a combater a falta de cultura científica mediante “información verdadeira, clara e proporcional” e recomendou ás empresas unha actitude proactiva, “adiantándose sempre na información”. Tras un coloquio aberto, pechou o encontro Javier Arias, delegado territorial da Xunta en Lugo, quen reivindicou a necesidade de ofrecer “fiabilidade e certezas” ao tecido empresarial para favorecer o desenvolvemento dos seus proxectos.

Arias destacou a aposta da industria lucense por avanzar cara un modelo moderno e sostible e garantiu que este proceso continuará contando co apoio da Xunta mediante programas orientados á modernización, dixitalización, internacionalización, innovación e transición verde. Subliñou que o modelo industrial da provincia combina sectores tradicionais consolidados con iniciativas baseadas na tecnoloxía, a eficiencia enerxética e a innovación, e fixo fincapé nos desafíos futuros: seguir modernizando o tecido produtivo, captar novos investimentos, consolidar empresas que xeran emprego e riqueza e manter a cooperación entre os distintos axentes económicos, un camiño no que o empresariado “atopará o acompañamento da Xunta”.

⚙ Configurar cookies
0.18820714950562