Andrés Silva e Lucas Suárez asinan o seu primeiro contrato profesional co CD Lugo

LugoXa
Esta medida encaixa na estratexia da entidade albivermella, que reafirma o seu compromiso coa profesionalización da canteira
xogadores-canteira-CD-Lugo
26 Sep 2025

Os xogadores canteiráns Andrés Silva e Lucas Suárez, de 17 e 18 anos, veñen de rubricar o seu primeiro contrato profesional co Club Deportivo Lugo. A partir de agora, os dous futbolistas de categoría xuvenil A seguirán defendendo a camiseta, con presenza tamén no CD Lugo B, para seguir escalando na estrutura deportiva do club.

O director deportivo, Javi Recio, en coordinación con Álex Ortiz, adestrador do CD Lugo B, simbolizaron coa firma do contrato e a foto cos canteiráns a unión que se promove desde o club entre canteira e primeiro equipo.

Esta medida encaixa na estratexia da entidade albivermella, que reafirma o seu compromiso coa profesionalización da canteira. Tal e como xa destacaran no mes de xuño o presidente do club, Ronald Baroni, e o director xeral, Adrián Raguza, o traballo de formación de xogadores é fundamental tanto para reforzar o primeiro equipo como para xerar proxección de futuro. “Dámoslle moitísimo valor á canteira, porque require un gran esforzo e queremos formar futbolistas que poidan ter presenza no primeiro equipo, pero tamén para que no futuro teñan saída no mercado”, subliñaron.

Con esta firma, Silva e Suárez convértense en dous dos estandartes do proxecto de base do CD Lugo, que segue a consolidar o seu modelo deportivo apostando polos talentos locais.

⚙ Configurar cookies
0.075917959213257