Anedia alerta da falta de atención especializada en diabetes infantil no HULA desde hai un ano

LugoXa
A asociación reclama á Consellería de Sanidade que dote o hospital lucense dun pediatra formado en diabetes tipo 1, apoiando a moción presentada polo PSOE no Pleno de Lugo
Anedia-charla-Lugo
29 Oct 2025

A Asociación de Nenas, Nenos, Xente Nova e Adulta con Diabetes de Galicia (Anedia) expresou a súa preocupación pola situación que están a atravesar as familias con fillos e fillas con diabetes tipo 1 da área sanitaria de Lugo, debido á ausencia dun pediatra especializado no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) desde novembro de 2024.

Segundo denunciou a entidade, durante este tempo a atención aos menores realizouse de forma puntual por profesionais do servizo de Endocrinoloxía de adultos e, nalgún caso, por unha médica desprazada desde Monforte. Porén, esta solución resultou insuficiente e irregular, xa que a pediatra substituta se atopa actualmente de baixa médica, o que impide garantir a continuidade asistencial e o enfoque especializado que este tipo de doenzas require.

“A atención en diabetes tipo 1 pediátrica precisa dun seguimento continuado, dunha educación diabetolóxica adaptada á idade e dunha coordinación estable entre endocrinoloxía, enfermaría e nutrición. Non é un tratamento puntual, senón un proceso de acompañamento e formación ás familias”, sinala Anedia, lembrando que a educación diabetolóxica é a principal ferramenta terapéutica para manter un bo control da enfermidade e unha calidade de vida adecuada.

A asociación advirte de que a falta dun profesional de referencia está a provocar desatención, descoordinación e unha sobrecarga innecesaria para as familias que dependen do HULA, e insta á Xunta de Galicia e ao Sergas a adoptar medidas urxentes para corrixir esta carencia.

Anedia manifestou ademais o seu apoio á moción presentada polo Grupo Municipal Socialista no Pleno do Concello de Lugo, que insta á Consellería de Sanidade e ao Sergas a cubrir de inmediato a praza de pediatría especializada en diabetes infantil no hospital lucense, co obxectivo de garantir o seguimento axeitado e continuado das persoas menores afectadas pola enfermidade na provincia.

⚙ Configurar cookies
0.073437929153442