Ángel Fernández do restaurante O Galo: “O noso valor engadido é o forno de brasa e os produtos frescos”

LugoXa
O polo, o aguacate á brasa e as arepas son os pratos estrela no restaurante de Recatelo, que tamén terá polbo durante o San Froilán, e onde apostan porque os clientes “se sintan coma na casa”
restaurante-o-galo-recatelo-angel-fernandez
28 sep 2024

Lucía Blanco

En pleno corazón de Recatelo, o restaurante O Galo ofrece unha proposta gastronómica única en Lugo, que rompe con toda a oferta da cidade. A súa carta informal, composta por unha ducia de pratos, mestúrase cunha variedade de cervexas tanto nacionais como internacionais. “A idea é que cando comeza unha nova tempada toquemos 2 ou 3 produtos. Agora que vén o outono metemos algunha proposta con setas ou alcachofas”, conta Ángel Fernández, o propietario.

O seu distintivo é o forno de brasa. “Aínda que non todas as elaboracións pasan pola brasa metemos ese valor engadido. E logo temos cinco pratos que son a insignia da casa e que os clientes, sobre todo os fixos, nos demandan sempre”. Destacan o aguacate con queixo do Cebreiro e tamén a berenxena á brasa que acompañan con burrata, améndoas tostadas e un toque de aceite de trufa; a ensaladilla e as arepas, que arrasan. “É certo que son da cociña latina pero traémolas ao que é Galicia. Temos as de Ropa Vieja, nas que utilizamos un corte da falta da tenreira galega que guisamos e acompañamos con queixo e logo as de Reina Pepiada que levan polo, aguacate e maionesa co noso toque”. E, como prato estela, o polo á brasa, que eles mesmos maceran.

Tampouco se esquecen das opción veganas, vexetarianas e para os intolerantes. “Sempre temos uns 2 ou 3 pratos, que tamén se poden adaptar para que non leven lácteos. Estamos falando do aguacate, da berenxena, dos calçots ou de arroz con verduras, entre outros. Cada vez demándano máis por exemplo en ceas de grupos”. Guíanse sempre pola estacionalidade. “Intentamos traballar con produto fresco que está 2-3 días en cámara e acudimos cada pouco aos nosos produtores. A partir destes meses, recuperamos o mexillón, ímolo buscar á praza, facémolo á brasa e acompañámolo cunha salsa picante e as fins de semana do San Froilán tamén teremos polbo porque así nolo piden”, asegura Fernández, que leva media vida dedicado ao negocio da hostalaría.

Para os que se animen a probar a súa carta dende a casa, o 80 % dos pratos está dispoñible baixo servizo delivery. “As críticas son moi boas. Focalizámonos naquelas opcións que sabemos que chegan ben ao domicilio como a hamburguesa con picaña de tenreira galega, as arepas ou as croquetas”. Ademais, co obxectivo de ampliar a súa oferta e dinamizar o barrio, organizan un par de veces ao mes noites dedicadas aos seus pratos coa colaboración tamén de panaderías ou queixerías locais. “Queremos entre todos propoñer iniciativas que non hai en Lugo. O xoves 12 fixemos a noite do Sándwich de Pastrami e agora, probablemente despois das festas, teremos a Noite das Hamburguesas, que serán, por suposto, artesás, duns 90-100 gramos e pasarán pola parrilla”.

Noite das Hamburguesas

A idea é crear unhas catro propostas, cada unha delas coa súa propia guarnición, e intentar acompañalas cun viño ou cervexa diferente “para que proben e nos coñezan”. En xeral, apostan por elaboracións sinxelas “utilizando produto que se adapte ao peto do cliente, buscando un equilibrio, que non sexa un tícket medio elevado” e por escoitar tamén a quen os elixe. “Somos un restaurante e un negocio de barrio, temos moitos clientes que veñen cada semana e repiten”. Así que buscan “o bo trato, que se sintan coma na casa”, conta Ángel, que desfruta o seu traballo de cara ao público sempre pendente das “opinións para mellorar e para saber que é o que funciona e o que non”. Pero máis aló da súa cociña, as instalacións de estilo moderno e industrial nunha rúa en plena peonalización tampouco deixan indiferente a ninguén.

A primeira impresión do local, que abre de mércores a domingo, protagonízaa un gran mural situado na parede da terraza interior. “Ás veces pásanos, que o ven e sacan unha foto. Chama moito a atención”. O ambiente informal acaba por definir o carácter deste restaurante, que cumpre dous anos. “Podes estar escoitando unha música lixeira de fondo e compartindo unha cervexa ou unhas racións cos amigos, porque tamén poñemos os partidos de fútbol e baloncesto”. É difícil gustar a todo o mundo, pero o balance que fan en O Galo é máis que positivo. “Nós queremos captar un tipo de cliente que veña aquí e queira probar pratos distintos e a resposta que temos neste tempo está sendo realmente boa”.

 

 

 

 

 

0.20582389831543