Animan aos veciños de Lugo a sumarse á 50ª edición da Festa do Queixo de Arzúa

LugoXa
O evento contará cun programa diverso que combina gastronomía, música e propostas culturais para todos os gustos
Festa-do-Queixo-de-Arzúa-en-Lugo
11 Mar 2025

O alcalde en funcións do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto coa concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, e o alcalde de Arzúa, Xesús Carril, presentaron este martes a 50ª edición da Festa do Queixo, un evento que se consolidou como unha das citas máis relevantes da gastronomía e da cultura galega.

O acto de presentación tivo como obxectivo convidar ás e aos lucenses a sumarse a esta edición tan especial, que se celebrará do 14 ao 16 de marzo en Arzúa.

A Festa do Queixo continúa medrando ano tras ano, reafirmando o seu carácter aberto e familiar. Nesta edición tan simbólica, a organización destaca que se trata dunha celebración pensada para todos os públicos, con actividades dirixidas tanto aos máis pequenos como ás persoas adultas.

“O obxectivo é que todo o mundo, de calquera idade e de calquera lugar de Galicia, se sinta benvido en Arzúa. A Festa do Queixo é un evento para compartir, para vivir a tradición e desfrutar da nosa cultura en comunidade”, sinalou o alcalde Xesús Carril.

O evento contará cun programa diverso que combina gastronomía, música e propostas culturais para todos os gustos. Ademais, a organización fai fincapé no seu carácter accesible, xa que todos os concertos serán gratuítos e sen límite de aforo, favorecendo así unha participación inclusiva e aberta.

⚙ Configurar cookies
0.17237615585327