Añón fixo campaña en Lugo por Sumar cunha visita á Praza de Abastos

LugoXa
O candidato de Sumar pola provincia de Lugo ao Congreso, José Antonio Rodríguez Añón, estivo a percorrer a cidade de Lugo.
sumar lugo candidatura
21 Xul 2023

O candidato de Sumar pola provincia de Lugo ao Congreso, José Antonio Rodríguez Añón, estivo onte a percorrer a cidade de Lugo escoitando, conversando e recollendo as demandas da veciñanza da capital lucense, aproveitando a súa estancia para visitar e dialogar cos e coas comerciantes da Praza de Abastos, que lle trasladaron a Rodríguez Añón a súa preocupación polo futuro do mercado municipal.

A falta de flexibilidade nos horarios de carga e descarga, a peonalización pouco acertada e a imposibilidade de moitos clientes de achegárense ao Mercado están a provocar unha situación moi complicada, ata o extremo de poñer en perigo a viabilidade do mesmo.

Segundo Rodríguez Añón, "o Concello debería tomar cartas no asunto, manter unha xuntanza cos e coas profesionais do sector, pelexar polo comercio local e buscar solucións que aseguren o mantemento da referencia que en Lugo constitúen a Praza de Abastos e o Mercado".

Para rematar esta xornada maratoniana, o candidato ao Congreso de Sumar intercambiou pareceres con responsables da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza. Abordáronse asuntos coma os concursos eólicos, a agricultura e a gandería, a mobilidade e, de forma máis concreta, a Rolda Leste e o futuro urbanístico da capital da provincia.

Continuando co seu labor, José Antonio Rodríguez visitou hoxe Burela para reunirse cos colectivos da Fundación Eu Son e cos responsables de Armadores de Burela, S. A., da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela e coa Confraría de Pescadores da mesma vila.

A visita á Fundación Eu Son foi moi entrañable e, unha vez máis, clarificadora da importancia de actuar a favor daquelas persoas que máis o necesitan. En palabras do candidato por Sumar, “o benestar social é unha obriga e debe ser unha prioridade das e dos dirixentes".

Tanto as persoas responsables como as usuarias do Centro de dita Fundación comentaron temas de vital importancia para a súa supervivencia, como son a firma e a posta en marcha dun concerto social axeitado e estable paralizado desde o 2010, o inicio da construción do novo Centro Asistencial e o establecemento de prazas concertadas, así como a análise dunha nova estrutura de axudas para a subvención do transporte.

Rodríguez Añón expresou o seu convencemento de que “no tema da subvención do transporte, a Xunta debería deixarse asesorar pola xente deste tipo de Centros porque son persoas con capacidades, entregadas á acción social e que teñen unha mellor visión da problemática existente.”

Por outra banda, a reunión coa xente do mar de Burela foi moi construtiva. Ademais dos problemas xa estruturais da pesca, en Burela visibilízanse principalmente dous, relacionados coa falta de rigor na elaboración de normativas por parte da Unión Europea que regulen de forma estable o sector, e as relacionadas co ámbito social e laboral, centradas especialmente na falta de man de obra especializada. No tocante ao tema laboral, o candidato por Sumar manifestou: "non debemos esquecer que estamos ante un sector crucial para o benestar social e o futuro da Mariña, polo que é necesario desenvolver iniciativas de formación e incentivación para recuperar man de obra cualificada no sector".

0.16576504707336