Anta de Ulla avanza na mellora da Galiña Azul co apoio do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar

Técnicos enviados polo xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, mantiveron unha reunión de traballo coa alcaldesa de Anta de Ulla, Pilar García Porto, e co concelleiro de Obras para avaliar as melloras que se executarán na Galiña Azul, instalacións do municipio cun longo historial de funcionamento.
O centro presentaba diversas necesidades derivadas da falta de investimentos durante o goberno anterior, o que provocou un deterioro progresivo en distintos espazos. A alcaldesa Pilar García Porto trasladou de primeira man ao xerente a situación das instalacións e a urxencia de acometer actuacións. Como resultado, os técnicos realizaron unha visita detallada para valorar sobre o terreo as intervencións que se levarán a cabo.
As obras permitirán modernizar diferentes dependencias da Galiña Azul, adaptándoas ás necesidades actuais e reforzando a seguridade e o confort tanto do persoal como das nenas e nenos usuarios do centro. O inicio dos traballos está previsto para a época estival, co obxectivo de non entorpecer o funcionamento habitual do servizo e minimizar as molestias ás familias.
O Goberno municipal reafirma así o seu compromiso coa mellora das infraestruturas educativas e coa calidade dos servizos públicos, traballando de maneira coordinada con outras administracións para dar resposta ás necesidades reais da veciñanza.