Antas acollerá este sábado unha mesa redonda sobre os xurros e a produción de biogás

LugoXa
O evento centrarase na produción de biogás a partir dos xurros e contará coa participación de diversos expertos e representantes de sindicatos e asociacións agrarias
charla-Antas-de-Ulla-Adega
13 Feb 2025

Este sábado, 15 de febreiro, ás 16.00 horas, a Casa da Cultura de Antas de Ulla será o escenario dunha mesa redonda organizada por Adega, coa colaboración da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O evento centrarase na produción de biogás a partir dos xurros e contará coa participación de diversos expertos e representantes de sindicatos e asociacións agrarias.

A xornada contará coa intervención de Juan Castro, enxeñeiro agrónomo e investigador no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, que compartirá o seu coñecemento sobre o proceso de produción de biogás.

Tamén estarán presentes representantes de varias organizacións agrarias como o Sindicato Labrego Galego, FRUGA, Unións Agrarias, Agromuralla e a asociación Gandeiras e gandeiros galegos Elas Eles, que ofrecerán as súas perspectivas sobre o impacto das plantas de biogás no territorio, tras a presentación por parte da empresa CCC Energo dun proxecto para construír unha planta de biogás no municipio.

Os participantes no coloquio serán: Juan Castro, investigador do CIAM, Xulio Fernández, coordinador do sector lácteo do Sindicato Labrego Galego, Elías Somoza Regueiro, responsable do área de gandería de FRUGA, Jacobo Feijóo Lamas, técnico de Unións Agrarias, José Luis Pérez Barreiro, presidente de Agromuralla, e Adrián Riádigos, presidente de Gandeiras e gandeiros galegos Elas-Eles. A moderadora será Sonia Mareque Alonso, tecnóloga de alimentos.

O deputado de Rural, Daniel García, valorou positivamente a iniciativa, destacando que "responde a unha demanda emerxente de información por parte do sector gandeiro da Ulloa sobre o modelo enerxético vinculado á xestión de residuos". García defendeu ademais "modelos produtivos sostibles que respecten o medio ambiente, a herdanza da tradición agraria e a xestión do territorio".

Pola súa banda, Daniel Vispo, vogal de Adega, resaltou a importancia da participación do sector gandeiro no debate. "Preguntámonos se os xurros son un problema ambiental e se as plantas de biogás son a solución, e buscamos a participación do sector gandeiro nesa discusión porque entendemos que as ganderías son as primeiras interesadas en defender o territorio", sinalou.

A xornada tamén contou coa participación de Sonia Mareque, representante do recentemente constituído colectivo veciñal "Biogás en Antas Non", que expresou a preocupación xerada entre os veciños polo proxecto presentado por CCC Energo en decembro. Mareque subliñou a necesidade de "información e formación para que os veciños, e particularmente os gandeiros, comprendan mellor en que consiste a produción de biogás e que implicaría a chegada dunha planta destas características a Antas".

0.18206906318665