Antas de Ulla acollerá en febreiro o sétimo foro do agroecoloxía do Sindicato Labrego Galego

LugoXa
A temática centrarase nas políticas públicas de impulso da produción agroecolóxica, a visibilización da loita contra Altri-Greenalia e coñecer experiencias labregas na defensa fronte megaproxectos
presentacion-foro-agrogandeiro
18 Jan 2025

O Pazo de San Marcos acolleu a presentación do VII Foro Labrego de Agroecoloxía Agroecoloxía fronte á megaindustria: Proxectos Labregos. Territorios para a vida, que se celebrará o 1 e o 2 de febreiro en Antas de Ulla, e que será a primeira vez que se celebre en Lugo.

A Casa da Terra e a Casa da Cultura acollerán este espazo, organizado polo Sindicato Labrego Galego, que terá como eixos centrais a análise e deseño de políticas públicas que permitan o avance da produción agroecolóxica, a visibilización da loita contra Altri-Greenalia dende unha perspectiva labrega e agroecolóxica e coñecer de primeira man experiencias labregas na defensa da terra fronte megaproxectos noutros territorios. No acto de presentación, no que participaron o deputado de Rural Daniel García, a secretaria xeral do SLG Isabel Vilalba Seivane e o membro da executiva nacional do sindicato Brais Álvarez.

O sábado pola mañá transcorrerá cunha visita guiada á Feira Vella de Monterroso, onde xantaremos. Ás 15.45 horas terá lugar a recepción e benvida, a cargo da Secretaria Xeral do SLG, Isabel Vilalba, e Daniel García, deputado da Área Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A mesa A Ulloa, unha comarca en equilibrio encetará a posta en común derredor das seguintes temáticas: Defendendo a terra e a produción de alimentos sans, a cargo de Isabel Vilalba; O impacto da celulosa e os contaminantes na saúde, coa intervención en liña da neurocientífica do Texas Medical Center (Houston, EEUU) Sonia Villapol; O Impacto socioeconómico dos megaproxectos industriais, que será exposto polo investigador do CISPAC Xavier Simón e O impacto de Altri no territorio e na produción de alimentos, introducido por Alejandro García, gandeiro de Cachenas Cas Fidalgo e activista na Plataforma Ulloa Viva.

Logo dun descanso retomarase a sesión de tarde centrándose en analizar como desenvolver a comarca da Ulloa dende a agroecoloxía. Coñecerán experiencias que xa están en marcha, como o programa rural de Educación Infantil e Primaria Da Escola á Granxa, que será presentado por Carlos Rodríguez; a continuación Eva Quiroga, coordinadora e dinamizadora do proxecto EoAlimenta: a Estratexia Alimentaria Participativa da biorrexión do Eo explicará as claves desta iniciativa, na que tamén participan como SLG. Marijo Imaz Gurrutxaga achegará dende Euskal Herria a experiencia do Servizo de Dinamización Local Agroecolóxica de Orduña, Ekoizpen; Ignacio Maestre e Soraya Valiente García pecharán esta parte dando conta do proxecto Ruralitud, recursos para o emprendemento rural.

Como non podía ser doutro xeito, esta primeira xornada rematará cunha cea agroecolóxica, que terá lugar na Casa da Terra de Antas de Ulla.

O domingo pola mañá dará comezo cun faladoiro labrego na Casa da Cultura de Antas de Ulla, baixo o título Megaindustria é destrución: Experiencias de loita e resistencia. Andrea González tratará a loita contra Alcoa, Loli Rodríguez a da mina de Corcoesto, Sergio Louzao a da mina de Touro e Lois Varela a loita contra Altri-Greenalia.

Seguidamente, ás 12h. terá lugar a preestrea do filme O Ulla si, un proxecto audiovisual colectivo para repensar o presente e o futuro do Ulla, e debate posterior. O xantar ás 14h. consistirá en petiscos agroecolóxicos.

Ás 15.30 retomará  a sesión da tarde cunha visita guiada a cargo de Xurxo Mouriño, biólogo e activista da Plataforma Ulloa Viva, que porá fin a esta sétima edición do Foro Labrego de Agroecoloxía.

Programa-Foro-Agroecoloxia-antas-de-ulla
0.15108203887939