Antas de Ulla acolleu a representación de 'As alumnas'

LugoXa
A subdelegada do Goberno destaca a educación como chave para entender o progreso democrático
obra-teatral-As-Alumnas
3 Dec 2025

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presentou na Casa da Cultura de Antas de Ulla o pase da obra teatral As alumnas, promovida polo Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en liberdade. A función reuniu á veciñanza arredor dun exercicio de memoria histórica que puxo no centro o papel das mulleres, o valor da escola e a defensa das liberdades en tempos de ditadura.

Olimpia López asistiu ao acto acompañada pola alcaldesa, Pilar García Porto. No saúdo institucional previo á posta en escena, ambas agradeceron o labor das intérpretes e coincidiron en destacar a capacidade do teatro para achegar ás xeracións actuais historias de esforzo, desigualdade e resistencia. Lembraron que o dereito á educación, especialmente no caso das mulleres, foi un logro progresivo conquistado fronte ás limitacións impostas polo réxime franquista.

A subdelegada reivindicou o papel esencial da educación para comprender a conquista das liberdades, subliñando que coñecer a realidade daquelas mozas “é lembrar que a democracia non chegou soa, senón polo esforzo silencioso de milleiros de persoas que soñaron con aprender, participar e decidir”.

A representación forma parte da campaña estatal polo 50 aniversario de España en liberdade, na que a comisionada Carmina Gustrán lembra que “celebrar medio século de liberdade é tamén celebrar a pluralidade que nos define como país”, destacando o carácter descentralizado do programa para que cada territorio poida achegar a súa voz á celebración dos valores democráticos.

A obra As alumnas ofrece ao público unha mirada íntima ás experiencias de varias mozas que, en plena ditadura, atopaban na escola un refuxio e unha oportunidade. O espectáculo amosa como a educación se converteu nun acto de resistencia fronte ás estruturas de control e desigualdade, e como moitas mulleres contribuíron desde a vida cotiá ao camiño cara ás liberdades actuais.

O pase de Antas de Ulla é o primeiro dos dous programados na provincia de Lugo. O segundo terá lugar este xoves, día 4 de decembro, no auditorio municipal de Vilalba, dentro dunha programación máis ampla destinada a lembrar a traxectoria democrática das últimas décadas e a abrir espazos de diálogo sobre o futuro das liberdades en España.

⚙ Configurar cookies
0.089686870574951