Antas de Ulla acolleu o primeiro 'Paseo Sen Fronteiras' do Xeodestino

O pasado 22 de marzo tivo lugar en Antas de Ulla o primeiro paseo sen fronteiras organizado polo Xeodestino Comarca de Lugo e Terras da Ulloa, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, a Xunta de Galicia, o Concello de Antas de Ulla e a Asociación Auxilia de Lugo.
Esta actividade foi pensada para levar ao rural a persoas con mobilidade reducida, adaptando a ruta para que fose accesible para todos.
A actividade contou coa participación dunha trintena de persoas e levou a cabo unha ruta circular accesible, tendo como punto de encontro o Pazo de Santa Mariña de Castro de Amarante e a ruta realizada foi a da Penela, cunha duración de 3 horas.
Entre os asistentes, ademais dos membros da Asociación Auxilia e outras persoas inscritas, tamén estivo presente o influencer Alfredo López, quen gravou a súa experiencia en vídeo.
A ruta foi guiada pola experta guía turística Mónica Díaz, quen explicou aos participantes as características e historia do territorio. O paseo finalizou coa visita á igrexa de Santa Mariña de Castro de Amarante, onde Mónica Díaz destacou as peculiaridades desta emblemática igrexa, que chamou a atención de todos os asistentes.
Os participantes destacaron a súa satisfacción por poder realizar actividades no rural, xa que moitos comentaron que xeralmente atopaban limitacións para poder realizar actividades fóra do ámbito urbano. Esta xornada demostrou que, coas adaptacións axeitadas, as persoas con mobilidade reducida tamén poden gozar das riquezas e tradicións que ofrece o rural galego.
Este evento marca o inicio dunha serie de iniciativas no marco do Xeodestino Comarca de Lugo e Terras da Ulloa, que buscan favorecer a inclusión e ofrecer novas oportunidades de lecer accesible para todas as persoas, independentemente das súas condicións físicas.