Antas de Ulla aproba no pleno medidas para reforzar os servizos sociais e protexer as infraestruturas municipais

LugoXa
A sesión ordinaria avalou a actualización do SAF, unha nova ordenanza para a actividade madeireira e cambios no cadro de persoal
concello-de-antas-de-ulla
30 Jan 2026

O Concello de Antas de Ulla celebrou unha sesión ordinaria do Pleno municipal na que saíron adiante os principais puntos da orde do día, nunha xornada centrada na mellora dos servizos públicos, na protección das infraestruturas municipais e no reforzo da atención social. O goberno local, encabezado pola alcaldesa Pilar García Porto, defendeu un conxunto de acordos orientados a incrementar a calidade de vida da veciñanza, fortalecer os servizos sociais, dignificar o traballo do persoal municipal e continuar corrixindo carencias herdadas de anteriores mandatos desde unha xestión responsable e rigorosa.

No eido social, o Pleno deu luz verde á actualización do prezo da hora do Servizo de Axuda no Fogar, que quedará fixado en 19,76 euros por hora para o ano 2026. A proposta contou co respaldo de toda a Corporación municipal, incluído o Grupo Municipal do Partido Popular, e baséase nos custos reais do servizo, permitindo manter e reforzar máis de 36.300 horas anuais de atención directa a domicilio. Na actualidade, o SAF atende a 78 persoas usuarias, unha cifra que adoita situarse arredor das 80, cunha media de prestación próxima a unha hora e cuarto diaria por persoa. O custo anual total do servizo ascende a uns 850.000 euros, dos cales o Concello achega aproximadamente o 40%, mentres que Xunta de Galicia, Estado e Deputación Provincial financian arredor do 50%, e o 10% restante corresponde ás achegas das persoas usuarias segundo os seus ingresos, garantindo un sistema xusto, progresivo e socialmente equilibrado.

Outro dos asuntos centrais da sesión foi a aprobación inicial da ordenanza reguladora do uso común especial do dominio público local polas actividades extractivas de madeira, que tamén contou co apoio da Corporación. Esta normativa permitirá esixir ás empresas madeireiras un maior coidado dos accesos, camiños e vías municipais, obrigándoas a reparar os danos causados e a repoñer as infraestruturas ao seu estado previo tras as cortas. O obxectivo é protexer os accesos ás aldeas, vivendas e explotacións, compatibilizando a actividade económica coa seguridade viaria e co dereito da veciñanza a dispor de infraestruturas en bo estado.

O Pleno aprobou igualmente a modificación inicial do cadro de persoal municipal, unha medida dirixida a corrixir desaxustes detectados, garantir condicións laborais xustas e recoñecer o labor do persoal, mantendo ao mesmo tempo o equilibrio orzamentario. Desde o goberno local sublíñase que coidar ás traballadoras e traballadores municipais é esencial para asegurar uns servizos públicos de calidade.

No apartado de control, foi debatida e aprobada a moción presentada polo Grupo Municipal do Partido Popular, á que a alcaldesa incorporou unha emenda para ampliar a solicitude de axudas tamén á Xunta de Galicia e non só á Deputación Provincial. O executivo local amosou así o seu respaldo ao fondo da proposta e a vontade de explorar todas as vías posibles de financiamento, aínda que advertiu de que se trata de actuacións inviables a curto prazo, xa que o Concello debe continuar axustando contas, priorizando os servizos básicos e resolvendo deficiencias herdadas antes de afrontar investimentos de grande envergadura.

Desde o goberno municipal lembran que, malia o importante volume de recursos mobilizados grazas a unha xestión constante, aínda existen necesidades estruturais pendentes que requiren tempo, planificación e responsabilidade. Neste contexto, o executivo aposta por avanzar paso a paso, priorizando a atención social, o coidado dos accesos públicos, a dignificación do persoal municipal e a estabilidade económica como base imprescindible para poder abordar no futuro novos proxectos estratéxicos para Antas de Ulla.

⚙ Configurar cookies
0.070823907852173