Antas de Ulla aproba os Orzamentos de 2026 e consolídase como referente en planificación e estabilidade na comarca

LugoXa
O Concello saca adiante por terceiro ano consecutivo as contas municipais e reforza os servizos sociais, a conciliación e os programas dirixidos á veciñanza
Concello-de-Antas-de-Ulla-orzamentos
21 Nov 2025

O Concello de Antas de Ulla celebrou un pleno decisivo no que o goberno local aprobou, por terceiro ano consecutivo desde a súa chegada á Alcaldía, os Orzamentos Municipais para 2026, o documento económico máis relevante da administración municipal.

Con esta aprobación, o municipio rompe definitivamente coa dinámica de anteriores mandatos, nos que as contas quedaban prorrogadas durante anos e non chegaban a entrar en vigor o 1 de xaneiro. Desta maneira, Antas de Ulla convértese no primeiro concello da comarca en dispoñer das súas contas para o próximo exercicio, un feito que evidencia planificación, estabilidade e rigor na xestión pública.

O executivo local salientou varias liñas prioritarias recollidas nos orzamentos de 2026, cunha aposta clara por fortalecer os servizos sociais e ampliar os recursos destinados á veciñanza. Neste sentido, consolídase o equipo profesional composto por unha educadora social e unha traballadora social, aumentando así a capacidade de intervención e de atención directa. Ademais, o programa “Maiores Activos” manterá o seu impulso, centrado no acompañamento e na promoción dun envellecemento activo e saudable.

Outro dos eixos destacados é o reforzo das medidas de conciliación familiar e laboral. O goberno local aposta pola continuidade e fortalecemento do servizo de Madrugadores, así como pola ampliación das iniciativas en horario de tarde, permitindo adaptar os recursos municipais ás necesidades reais das familias. Xunto a isto, priorízanse tamén as propostas dirixidas á infancia e á adolescencia, como os campamentos de verán e outras actividades educativas complementarias que contribúen ao desenvolvemento persoal e social dos máis novos.

A alcaldesa puxo en valor que todos estes avances son posibles grazas á colaboración institucional. Sinalou o papel determinante da Deputación de Lugo no impulso de proxectos locais e destacou a cooperación coa Xunta de Galicia, coa que se están a tramitar diversas subvencións e liñas de apoio que permanecen activas no municipio.

Con estas contas para 2026, Antas de Ulla sitúase nun escenario de maior estabilidade e responsabilidade na súa planificación económica, reforzando servizos esenciais e respondendo ás demandas da cidadanía mediante unha xestión municipal sólida e anticipada.

⚙ Configurar cookies
0.072091102600098