Antas de Ulla avanza cara a nova licitación do Centro de Saúde tras quedar paralizado o proxecto

LugoXa
A Xunta comprométese a reactivar a obra no primeiro trimestre de 2026 e a reparar con urxencia a cuberta do actual edificio
centro-saude-antas-ulla
3 Dec 2025

A alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García, mantivo unha reunión institucional co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para analizar o estado do futuro Centro de Saúde, unha infraestrutura clave para o municipio e cuxo desenvolvemento quedou interrompido por causas alleas ás administracións.

No encontro, o conselleiro informou con transparencia de que a empresa adxudicataria —a única que concorreu á licitación— se atopa en situación concursal, un feito que imposibilita o inicio das obras e obriga a reiniciar todo o procedemento. A Xunta comprometeuse así a abrir unha nova licitación no primeiro trimestre de 2026, asumindo como prioridade absoluta a reactivación deste proxecto sanitario.

Durante a reunión, a alcaldesa insistiu na necesidade de axilizar os prazos, lembrando que o Concello xa entregou os terreos e cumpriu todos os trámites administrativos requiridos. García expresou a súa satisfacción pola claridade e a disposición mostradas por Gómez Caamaño, quen garantiu un diálogo constante durante todo o proceso para evitar novos atrasos.

Paralelamente á nova licitación, o Concello reclamou unha intervención urxente no actual Centro de Saúde debido ás graves deficiencias da cuberta, que presenta filtracións e problemas estruturais que superan o mantemento habitual. Ante esta situación, a alcaldesa reclamou unha actuación inmediata para garantir a seguridade dos profesionais e das persoas usuarias mentres non se constrúe o novo edificio. O conselleiro anunciou que nos próximos días un técnico da Consellería realizará unha avaliación exhaustiva da cuberta e definirá unha reparación que incluirá previsiblemente a substitución das suxeicións e a revisión integral da estrutura para asegurar a súa estabilidade durante os próximos anos.

Pilar García insistiu en que non se trata dunha reparación menor, senón dunha intervención imprescindible nun centro no que, segundo explicou, deberán continuar operando polo menos durante dous anos máis. A alcaldesa agradeceu a sensibilidade e a prontitude do conselleiro para atender esta demanda urxente.

García salientou ademais o clima de colaboración institucional e asegurou que “o relevante é que hoxe temos un compromiso claro: nova licitación no primeiro trimestre de 2026 e arranxo inmediato da cuberta. Seguimos facendo xestión, seguimos nas administracións e seguimos defendendo Antas de Ulla con feitos”. O Concello continuará traballando da man da Consellería de Sanidade para que o novo Centro de Saúde avance sen máis interrupcións e permita reforzar a atención primaria e garantir servizos públicos de calidade para toda a veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.083303928375244