Antas de Ulla celebrará o 28 de xuño a súa II Carreira Popular e Andaina

O municipio de Antas de Ulla acollerá o vindeiro 28 de xuño a segunda edición da súa Carreira Popular e Andaina, unha das probas incluídas no XI Circuíto Miño Ulla de Carreiras Populares. O evento desenvolverase ao longo da tarde, a partir das 18:30 horas, no considerado centro xeográfico de Galicia.
A programación comezará coa categoría “pitufos” ás 18:30, seguida das categorías sub 8, sub 10 e sub 12 entre as 18:40 e as 19:00. A continuación correrán os sub 14 ás 19:10, os sub 16 e sub 18 ás 19:20, e ás 19:30 dará comezo a carreira dos 10K. Por último, ás 19:40 iniciarase a andaina, pensada para quen prefira participar camiñando.
O evento está organizado polo Concello de Antas de Ulla en colaboración co GDR Miño Ulla e a Xunta de Galicia, e conta co cofinanciamento da Unión Europea. Espérase unha ampla participación nunha xornada marcada polo deporte e a convivencia.