Antas de Ulla celebrou un pleno extraordinario o mércores 5
Os concelleiros do PSdeG de Antas de Ulla presentaron unha proposta ao pleno para mellorar tres servizos relacionados coa sanidade a favor dos intereses do conxunto da veciñanza. A celebración do pleno extraordinario no día de onte a instancias dos catro concelleiros do grupo socialista debeuse a que o alcalde deixou transcorrer o prazo establecido legalmente de quince días no que el mesmo podía fixar a data de celebración. Polo que o pleno segundo establece a lexislación vixente quedou automaticamente convocado para o día de onte ás 12.00 horas.
Este pleno foi aproveitado polo grupo socialista para presentar en primeiro lugar un acordo para que o alcalde publique unha nova nota informativa que de a coñecer entre a poboación o servizo gratuíto de transporte aos centros de vacinación. Propoñendo que nesa nota informativa se aclaren os termos do servizo tales como que persoas poden solicitalo, en que condicións e a onde deben dirixirse para concertalo.
Esta proposta ven motivada despois do anuncio no mes de marzo do 2021 da posta en marcha no municipio dun servizo de transporte gratuíto para os veciños e veciñas que tiveran dificultades para realizar o traslado para a administración da vacina contra a Covid. Na nota informativa na que se anunciaba este servizo, aclarábase que sería prestado polo parque de taxistas de Antas de Ulla e sería totalmente gratuíto para o usuario. Explicábase tamén que podería facer uso deste servizo as persoas de calquera grupo de idade con dificultades para desprazarse para recibir a vacina. Como última cuestión o servizo, ou máis información sobre o mesmo, poderíase solicitar chamando ás oficinas municipais ou ao servizo de taxis de Antas de Ulla.
Os socialistas afirman que “dende aquel momento ata hoxe pasaron meses e atopámonos neste momento inmersos na aplicación da terceira dose das vacinas fronte á covid. O SERGAS cita ás persoas que deben desprazarse novamente para recibir a vacina, ben ao PAC de Palas de Rei ben ao HULA en Lugo e, por parte da veciñanza preséntase confusión e descoñecemento sobre a prestación por parte do Concello de Antas de Ulla do servizo de transporte para desprazar aos veciños e veciñas aos centros de vacinación”. Aclaran os socialistas que “o desconcerto é tal que é a propia veciñanza a que manifesta que despois de poñerse en contacto co concello ou co servizo de taxis algunhas persoas foron desprazadas gratuitamente, a outras negóuselles o servizo gratuíto e mesmo algunhas sinalan que as levaron empregados municipais en horario de traballo nos seus vehículos particulares”.
No pleno de onte o alcalde recoñeceu que nas dúas primeiras fases de administración da vacina o servizo ampliouse e foi universal, algo que segundo manifestan os socialistas “fíxose sobre a marcha e sen darlle información transparente mediante notas informativas á poboación…”agora na terceira fase de administración da vacina aclaran dende grupo socialista que “ o alcalde traspasou os límites e en lugar de corrixir erros e mellorar o servizo actuou con total neglixencia favorecendo a desinformación” engaden que “a confusión é tal que no mesmo pleno xustificou o servizo, negou a súa existencia nesta terceira fase de vacinación e ao mesmo tempo dixo que desprazaran persoas a vacinar ata valéndose de amigos e nos casos que consideraron oportunos sen aclarar os criterios, iso si a custe cero para o Concello”.
Os integrantes do grupo socialista lamentan que o grupo de goberno non apoiara o acordo e que este servizo, que podía ser exemplo e modelo para outros concellos, un servizo que eles valoran positivamente rematara nunha “trapallada” que “escolle aos usuarios sen criterios determinados nin transparencia e en prexuízo duns fronte a outros”. “Pérdese unha oportunidade de favorecer á veciñanza e aos taxistas”. “Son moitas as persoas dependentes, que teñen dificultades para a mobilidade, con pensións pequenas, que viven soas. Moitas delas xa acudiron a vacinarse dispoñendo de fondos do seu peto para pagar o taxi para o desprazamento o cal supón un agravio comparativo fronte ás que acoden nun transporte gratuíto pagado polo concello.”
En segundo lugar, os socialistas presentaron unha segunda moción que propoñía acordar que o alcalde se dirixira ao SERGAS, co respaldo dos grupos municipais, para solicitar que o desprazamento do persoal sanitario do Centro de Atención Primaria de Antas se realice priorizando aos taxis con licenza en Antas de Ulla, xa que tanto médicos como enfermeiras desprázase con frecuencia a diferentes fogares deste concello para prestar atención domiciliaria a aqueles doentes que o precisan. Neses casos os desprazamentos realízanse en taxis que non sempre pertencen ao parque de taxis de Antas de Ulla, que son os que teñen licenza neste concello. Neste caso consideran oportuno os socialistas que a través dun acordo plenario o SERGAS puidera ter coñecemento do interese de que se priorice para prestar servizos neste concello a quen paga aquí os seus impostos. O alcalde afirmou que o o SERGAS mantén un convenio ca Asociación de Taxistas de Galicia que deixa fora deste transporte a aqueles que non están asociados xa que segundo manifestou o alcalde o servizo contrátase coa Asociación.
En terceiro lugar, e ao igual que en anteriores ocasións, os socialistas pedíanlle un acordo ao alcalde para respaldalo nunha reclamación ante o SERGAS para solicitar que se cubran as prazas de medicina xeral e enfermería durante os período de vacacións de Nadal, xa que a situación leva a que os servizos sanitarios sexan prestados durante a época de vacacións por un só profesional en medicina e outro en enfermería, incluída a asistencia sanitaria domiciliaria.