Antas de Ulla conmemora o 25N con actividades para reivindicar a eliminación da violencia machista

O Concello de Antas de Ulla prepara un amplo programa de actividades con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, que se celebrará o 25 de novembro de 2025.
Os actos comezarán o luns 24 de novembro, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura, onde se proxectará a película No estás sola, Sara.
Ademais, as persoas que se acheguen poderán visitar as exposicións elaboradas polas nenas e nenos do municipio, que inclúen o Muro do bo trato, a pancarta creada para o 25N e unha campaña de traballos fotográficos vinculados á reflexión sobre a igualdade e o respecto.
A programación continuará o martes 25 de novembro coa marcha do alumnado do CEIP de Antas de Ulla, que percorrerá as rúas da vila a partir das 12.40 horas. Media hora despois, ás 13.00 horas, a Praza do Concello acollerá a lectura do Manifesto, tamén a cargo do estudantado, nun acto simbólico que busca reforzar o compromiso colectivo coa igualdade.
Xa pola tarde, ás 17.30 horas, a Casa da Cultura será o escenario da charla Coidámonos, centrada na saúde e nos coidados durante a menopausa. A sesión será impartida por profesionais sanitarias do Centro de Saúde de Antas de Ulla, que abordarán información útil e espazos de diálogo orientados á mellora do benestar das mulleres.
O Concello subliña a importancia de implicar a toda a cidadanía nestas actividades, convencido de que a participación activa é esencial para avanzar na loita contra calquera forma de violencia machista.