Antas de Ulla conmemora o Día Internacional da Muller cun amplo programa de actividades

O Concello de Antas de Ulla impulsará unha programación específica con motivo do Día Internacional da Muller, unha iniciativa deseñada para promover a reflexión colectiva, o intercambio de experiencias e a celebración compartida arredor da igualdade.
As actividades comezarán o luns 2 de marzo ás 18:00 horas na Casa da Cultura coa charla “Reapropiándonos do noso corpo e os nosos praceres”, que será impartida pola sexóloga Martina González. A proposta pretende abrir un espazo de diálogo arredor do coñecemento e da autonomía corporal desde unha perspectiva feminista.
O xoves 5 de marzo, tamén ás 18:00 horas e no mesmo escenario, desenvolverase unha charla técnica centrada no solo pélvico, a cargo da fisioterapeuta Almudena F. Larrañaga, que abordará cuestións relacionadas coa saúde e o benestar das mulleres desde un enfoque especializado.
O acto central terá lugar o domingo 8 de marzo ás 16:00 horas coa celebración do “Roteiro violeta”, un percorrido de aproximadamente 4 quilómetros polos arredores da vila no que unha guía ofrecerá explicacións sobre mulleres relevantes de onte e de hoxe. A saída realizarase desde a Casa do Concello e a organización anima ás persoas asistentes a levar algunha peza ou complemento de cor violeta visible como símbolo da xornada.
Ao remate da andaina, as persoas participantes estarán convidadas a unha chocolatada na Praza Nova, creando así un espazo distendido para a convivencia. Ademais, durante a xornada poderá visitarse a exposición elaborada polas nenas e nenos do Programa Municipal de Conciliación, que complementará a celebración con achegas da poboación máis nova.
Para asistir a calquera das actividades, incluído o roteiro, será preciso formalizar inscrición previa chamando ao teléfono 982 37 92 51 ou acudindo ás oficinas de Servizos Sociais do Concello.