Antas de Ulla conta desde este mes de xaneiro cunha nova Casa do Maior
A localidade de Antas de Ulla conta desde este mes de xaneiro cunha nova Casa do Maior, que leva por nome Caudal do Ulla.
Este novo proxecto, que está emprazado na rúa Chantada, nº16, fronte á praza Nova, comparte espazo coa Casa do Maior Antas de Ulla a cal foi a primeira en abrir no municipio e conta cunhas instalacións completamente novas e adaptadas para os novos usuarios e usuarias.
A súa promotora, María Corbella Fernández, explica que a nova Casa do Maior Caudal do Ulla dispón de cinco prazas, que poden ser solicitadas polas persoas interesadas no servizo, sempre que sexan maiores de 60 anos e coa dependencia recoñecida en grao I.
As instalacións contan con zona de estar, zona de xogos, comedor, cocina e baños. Os usuarios e usuarias contarán con servizo de transporte (gratuíto), servizo de comida (opcional baixo pagamento) e diferentes actividades, xogos e terapias.
CASAS DO MAIOR
As Casas do Maior son pequenos centros de día que permiten que os municipios poidan ofrecer terapias e actividades aos maiores dentro de súa contorna. Este novo proxecto está financiado pola Xunta de Galicia.
O horario de atención será de 10.00 a 18.00 horas, de luns a venres, aínda que se pode modificar atendendo a demanda dos usuarios e usuarias.
As persoas interesadas en acudir á Casa do Maior ou en obter máis información poden chamar ao número 693 623 295.